O profesor Francisco Torres, membro do grupo de investigación en Dereito Mercantil e do Traballo e especialista en Dereito Marítimo, renovou este martes o cargo como decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo “orgulloso por representar a este centro” e “disposto a traballar arreo para seguir mellorando”. Así o declarou tras coñecer os resultados dunhas votacións nas que acadou o apoio do 85% dos votos emitidos na Xunta de Facultade (36 votos a favor, 3 en contra e 3 en branco).
No cargo desde novembro de 2019, ao reelixido decano acompañarano no equipo directivo da facultade os docentes Pablo Riquelme, da Área de Dereito Constitucional, como secretario académico do centro; María Antonia Arias, da Área de Dereito Administrativo, como vicedecana de Dereito e coordinadora deste grao; María Belén Fernández Docampo, da Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, como vicedecana de Relacións Laborais e Recursos Humanos e coordinadora do grao; José Carlos Orge Míguez, da Área de Economía Financeira e Contabilidade, como vicedecano de Asuntos Xerais e Alumnado e coordinador do Programa de Simultaneidade ADE-Dereito, e Regina Ibáñez, da Área de Linguaxes e Sistemas Informáticos, como vicedecana de Calidade e Innovación.
Trátase dun equipo sen apenas cambios con respecto ao primeiro mandato e a eles referiuse o novo decano como o seu “verdadeiro apoio en momentos complexos”, incluíndo no seu agradecemento aos profesores Lidia Noriega e Xosé Manuel Pacho, que formaron parte da dirección durante o último trienio e, no caso de Pacho, que seguirá vinculado ao equipo directivo como coordinador de Normalización Lingüística do centro e co-coordinador, xunto coa profesora Rosa Rodríguez Martín-Retortillo, da Aula de Formación Legal.
Catro bloques temáticos e 29 medidas de goberno
Durante o seu discurso ante os integrantes da Xunta de Facultade Torres salientou que o seu programa de goberno para os vindeiros tres anos se divide en catro grandes bloques que coinciden, “en esencia”, coas competencias de cada un dos vicedecanatos. Son en total 29 medidas que se vertebran en torno a dúas liñas consideradas estratéxicas: a visibilización das actividades que se levan a cabo no centro e dos éxitos acadados polo seu persoal e a captación de alumnado.