Amiga, profesora, decana, intelectual e, sobre todo, unha persoa comprometida, entre outras moitas causas, coa dirección e xestión académica e, máis concretamente, coa Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, á que chegou no ano 2003 e que dirixiu dende setembro do 2016 ata novembro de 2019, apenas uns meses antes do seu falecemento en febreiro de 2020. Os compañeiros e amigos da profesora Almudana Bergareche rendéronlle onte homenaxe e fixérono coa inauguración dunha placa que pon o seu nome a, ata agora, Aula A209, situada na área do decanato da facultade e a presentación pública dun retrato oficial, realizado pola artista Pilar Alonso, que se situará no salón de graos do centro.
Foi un acto “moi emotivo”, tal e como recoñecía o actual decano, o profesor Francisco Torres, que contou coa participación de numeroso profesorado, alumnado e persoal de administración e servizos, “cuxo labor tanto respectaba”, tal e como lembraron algúns dos asistentes, así como da vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama; o viúvo da docente, José María Ordóñez, e a autora do cadro.
Unha placa e un retrato “en substitución dunha ausencia”
A placa conmemorativa do Seminario profesora Almudena Bergarache Gros foi realizada polo escultor Xuxo Vázquez, afincado en Tomiño e amigo persoal da docente. “É unha peza moi do gusto de Almudena e feita con moito mimo e con alma”, salientou Torres, ao que o viúvo da homenaxeada engadiu que conta, ademais, “cunha característica especial, xa que está realizada coa pedra que máis lle gustaba a Almudena, o granito sudafricano”.
Moitas e moitos dos asistentes, entre eles o propio decano, admitiron que se emocionaron ao ver por primeira vez o cadro. Neste sentido Torres agradeceu o traballo da artista e tamén da familia: a súa parella José María e os seus fillos, Helena e Antxón, que en todo momento se amosaron colaboradores “para chegar á alma da retratada”. Na súa intervención, Pilar Alonso, artista afincada tamén en Tomiño, explicou que o seu enfoque foi o de empregar o retrato “como algo que, en casos como este, debería de ser empático, un diálogo no que eu, artista, solo teño que preguntar para que a entrevistada se amose ao público, na individualidade do íntimo, do que a diferencia, pero tamén na súa faceta pública, na que a identifica cos demais”. Alonso admitiu que este é un retrato “moi específico, dadas as circunstancias do encargo e, como tal tenteino resolver”, apuntou a artista, ao tempo que explicou que, neste caso, se tratou dun diálogo a varias voces, pois ao non poder facelo directamente con Almudena fíxoo cos seus achegados, que lle falaron dela, da súa empatía, da súa intelectualidade e do seu amor polos libros. “Espero ter estado á altura das miñas intencións e dos meus interlocutores para darlle voz a este retrato que se converte así na substitución dunha ausencia”, recalcou a pintora.