De que maneira pode España aumentar a calidade dos seus servizos públicos de emprego? Como se poden mellorar as perspectivas laborais das persoas demandantes de traballo? Estas son as dúas grandes preguntas as que trata de responder o catedrático da Universidade de Vigo Jaime Cabeza na súa última publicación Recolocación y colocación: políticas públicas y actores públicos y privados, obra publicada en aberto dentro da Biblioteca Jurídica Digital do Boletín Oficial do Estado e dedicada á memoria do lugués Germán Barreiro González, catedrático de Dereito do Traballo da Universidad de León falecido o pasado mes de decembro.
O libro sitúa ao lector ante o panorama da recolocación e a colocación, dous aspectos que en España se desenvolven no contexto do emprego como realidades practicamente antagónicas: a primeira, no dominio do sector privado, como unha actividades destinada a profesionais cualificados, cunha eficacia contrastada e cunha riqueza de matices moi destacada. A segunda, no ámbito público, xeralizada a toda a poboación desempregada, cunha taxa de éxito moi limitada e unha mala consideración social, prestada dunha forma indiferenciada no contexto de múltiples procedementos burocráticos.
‘Mala fama’ dos servizos públicos fronte ao prestixio das axencias privadas de recolocación
“Temos un servizo público de emprego que ten mala fama, que está mal financiado e que, ademais, está mal coordinado coas entidades privadas”, explica o autor do libro, catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social. Entre os principais motivos desta situación Cabeza sitúa o baixo número de empregados e empregadas públicas dos servizos públicos de emprego. “O servizo público estatal non chega a 20.000 empregados e empregadas, no caso dos servizos autonómicos é difícil calcular pero o número sitúase arredor dos 16.000 e nas entidades locais a cifra ronda os 10.000 traballadores e traballadoras”, indica o experto, ao tempo que enfatiza o feito de que “estamos nun país cunha taxa de desemprego comparativamente elevada con respecto a outros países de Europa e con aproximadamente a terceira parte da masa crítica que teñen en países como Alemaña ou outras nacións do norte de Europa”.
En paralelo a este sistema público, hai unha actividade que goza de moito máis prestixio, a recolocación, coñecida como outplacement, un produto de calidade, moi personalizado, que está moi ensaiado e que funciona ben. “Falo, por exemplo, dun alto directivo que, nun momento determinado, é despedido da súa empresa por razóns organizativas. Neste caso ofréceselle un servizo privado de recolocación, de calidade e adaptado ás súas necesidades”.