Dous días para debater sobre os principais desafíos xurídicos que supón a Intelixencia Artificial (IA) para a contratación pública na Unión Europea. Nisto consiste, a grandes trazos, a reunión anual do European Procurement Law Group, o grupo europeo de especialistas en contratación pública, xuntanza que nesta ocasión se celebra este xoves e venres na Universidade de Vigo co patrocinio da Axencia Galega de Innovación -GAIN-, baixo a coordinación da vicerreitora de Profesorado e Ordenación Académica, Patricia Valcárcel, catedrática de Dereito Administrativo experta en normativa sobre contratación pública e implicacións da IA no Dereito público.
O encontro, que se está a levar a cabo no edificio Redeiras, conta coa participación de especialistas en contratación pública de diversos Estados membros da UE (Alemaña, Austria, Dinamarca, España, Finlandia, Francia, Holanda, Italia, Polonia, Portugal e Romanía) e do Reino Unido, e a temática central está ligada á execución do proxecto de investigación Desafíos estratéxicos da contratación pública na era da 4ª revolución industrial: sostenibilidade, gobernanza e intelixencia artificial, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, e que está coordinado por Patricia Valcárcel, da UVigo, e Christoph Krönke, da Universität Bayreuth, en Alemaña.
Tecnoloxías dixitais e respecto dos principios democráticos
A Intelixencia Artificial (IA) está a deixar unha importante pegada en moitas áreas, entre elas, o sector público, que desde hai tempo camiña cara a un novo modelo de gobernanza pública dixital. Neste proceso, tal e como indicaron as e os especialistas que participan na xuntanza, están xa a adoptarse diferentes tecnoloxías dixitais, tales como a automatización robótica de procesos e procedementos, o blockchain, a análise de big data, a aprendizaxe automática e outras formas de intelixencia artificial. “Iso supón numerosos e importantes retos e problemas xurídicos, en particular, polo alto risco de toma de decisións inadecuadas, inconsistentes ou capturadas e sesgadas polas ferramentas tecnolóxicas que utilizan IA”, apunta Patricia Valcárcel, ao tempo que explica que, desde unha perspectiva xurídica, isto pode xerar problemas relacionados co respecto dos principios democráticos, así como das regras e principios que as administracións públicas deben observar na súa toma de decisións.