Especialistas de España e Portugal abordan en Vigo os retos do sistema xudicial en materia de familia e sucesións

Analizar a problemática á que se enfronta o sistema de xustiza en materia de familia e sucesións ante a transformación tecnolóxica e dixital. Esté o principal obxectivo co que este xoves arrancou en Vigo o II Congreso Ibérico de Dereito de Familia e Sucesións: retos substantivos e procesuais anta unha nova realidade tecnolóxica, unha cita que reúne na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo a 65 participantes, entre os que figuran avogados e avogadas en exercicio, o alumnado do Programa de doutoramento Xestión e Resolución de conflitos, familia, menores e xustiza terapéutica, e persoal investigador de diferentes universidades españolas, portuguesas e latinoamericanas.

“Imos abordar o impacto desta nova realidade tecnolóxica nos procesos de familia, a dixitalización dos procesos e a posibilidade de facer uso da intelixencia artificial, analizando tamén a súa repercusión en materia de sucesións e todo o debate existente en relación coa familia e a protección hereditaria dixital”, explicou a catedrática da Universidade de Vigo Esther Pillado, codirectora do congreso, xunto coa tamén catedrática de Dereito Procesual, neste caso da Universidad Nacional de Educación a Distancia, UNED, Sonia Calaza. Pillado foi a encargada de inaugurar o encontro, xunto co decano da facultade, Francisco Torres, quen lle agradeceu á organización a elección desta facultade como sede do congreso.

Na busca dunha sistema máis accesible ás persoas máis vulnerables

Ao longo de dous días, hoxe xoves e mañá venres, afondarase desde diferentes perspectivas nos distintos retos a nivel social de temas de tanta actualidade como a xestación subrogada ou o anonimato do doante de gametos na reprodución asistida. “Todos estes temas trataranse a través de conferencias e mesas redondas nas que participan expertos e expertas de universidades españolas e portuguesas e profesionais da xustiza”, recalcou Pillado.

O congreso conta cun programa que aborda cuestións de actualidade tanto en España como en Portugal, o que, a xuízo das súas organizadoras, permitirá a “aproximación, debate e comparación” entre as distintas regulacións e experiencias de ambos países, dando unha visión global ante esta realidade tecnolóxica nos diferentes sistemas de xustiza. “Sen dúbida unha das nosas preocupacións é que o uso da tecnoloxía nos leve a un sistema de xustiza máis eficiente e eficaz e tamén máis accesible aos cidadáns, sobre todo aos máis vulnerables, nenos, nenas, adolescentes, persoas con discapacidade e persoas maiores, e, por tanto, máis equitativo”, explicou Pillado.

Ler a nova completa no DUVI