Un dos hábitos aos que a cidadanía se tivo que acostumar durante a pandemia foi a necesidade de solicitar cita previa para moitos servizos e trámites. Pasados xa dous anos, este requirimento segue sendo esixido en moitas administracións públicas, algo que, segundo o profesor asociado de Dereito Administrativo da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo Diego Gómez, non se axusta a dereito. Precisamente, un artigo no que o docente expón os motivos polos que a cita previa obrigatoria sen motivación é contraria a dereito acaba de ser galardoado na cuarta edición dos Blogs Xurídicos de Ouro 2022, na categoría artigos de excelencia.
Na súa análise, publicada no blog Es de justicia, Gómez sostén que, unha vez que se levantaron as medidas excepcionais de emerxencia sanitaria, a cita previa debería regresar ao seu carácter voluntario, modalidade que considera “unha boa opción” xa que “beneficia ao cidadán, que aforra tempo, e á Administración, que pode organizar mellor o servizo”. Non obstante, a persistencia da súa esixencia a día de hoxe en administracións públicas, como rexistros e oficinas de atención cidadá, “non se axusta a dereito, porque supón unha limitación ao acceso a servizos básicos para a cidadanía”, recalca.
O artigo recibiu o primeiro premio nos Blogs Xurídicos de Ouro 2022, promovidos polo Grupo Globoversia, comunidade de intereses culturais non lucrativos, co patrocinio da Editorial Amarante e da Fundación Automáticos Tineo. O xurado concedeulle esta distinción por “expor mediante unha prosa elegante e clara, unha cuestión que ocupa e preocupa á cidadanía e administracións, ofrecendo claves xurídicas e plantexamentos de reacción, dende a perspectiva das garantías cidadás”. E é que o artigo, ademais, permite acceder a un escrito gratuíto para solicitar a eliminación da cita previa. Gómez recoñece que a concesión deste galardón, “máis aló da ledicia persoal”, faino “especialmente feliz” polo que implica “a nivel social, de empoderamento da sociedade civil, que se quedou moi debilitada a raíz da pandemia” e lembra que foron os escritos de queixa presentados contra a cita previa os que provocaron a reacción de institucións como o Defensor del pueblo.