O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Antía Sández, asinaron esta mañá no edificio Exeria do campus de Vigo un convenio de colaboración que permitirá a posta en marcha dunha nova edición, a sexta, do Curso de formación universitaria en negociación colectiva e individual no ámbito laboral, para o que xa está aberto o prazo de preinscrición e que, nesta ocasión, se levará a cabo do 28 de setembro ata o 23 de novembro na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo.
Dirixido polos docentes Jaime Cabeza Pereiro e Rosa Rodríguez Martín-Retortillo, quen aproveitaron este acto para agradecer o “apoio e implicación que sempre ten o Consello Galego de Relacións Laborais nesta iniciativa”, o curso busca afondar, desde un punto de vista xurídico, estratéxico, psicoanalítico e práctico, no sistema de negociación colectiva e as súas manifestacións, a través dun tratamento integral dos seus aspectos fundamentais. “Ofrece unha formación especializada en negociación colectiva que proporcione aos seus destinatarios as ferramentas necesarias para poder afrontar os conflitos individuais e colectivos no ámbito laboral coas ferramentas axeitadas”, explican os directores, ao tempo que resaltan o feito de que a negociación colectiva conforma na actualidade, “unha das materias máis necesarias de desenvolver, dada a conflitividade laboral froito da situación de crise”.
Cinco módulos de carácter teórico e práctico
Segundo se recolle no convenio, o curso permitirá ao alumnado estudar as técnicas e ferramentas clásicas de negociación, explorar o concepto de intelixencia emocional e a súa implicación na solución dos conflitos de calquera tipo, estudar estratexias baseadas na comunicación verbal e non verbal, adquirir coñecementos sobre as máis controvertidas temáticas da negociación colectiva e sobre o diálogo institucional en España e en Galicia. “Os contidos están estruturados en cinco módulos de carácter teórico e práctico e proporcionan uns coñecementos completos e integrais que permiten afondar no marco normativo necesario para afrontar as situación de conflito”, explica Rodríguez.
Especificamente dirixido ás persoas tituladas en Dereito, Relacións Laborais e Recursos Humanos, Ciencias do Traballo, Ciencias Económicas e Empresariais e Administración e Dirección de Empresas, tamén poden matricularse persoas con responsabilidade en recursos humanos, xefaturas de relacións laborais, asesoría e cadros das organizacións empresariais e sindicais.