A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo celebrará a vindeira semana eleccións a decanato e farao co profesor da Área de Dereito Mercantil Francisco Torres, actual decano do centro, como único candidato. Torres preséntase a esta cita electoral cunha candidatura na que apenas hai cambios con respecto ao actual equipo directivo, salientándose como única novidade a incorporación do profesor Pablo Riquelme, da Área de Dereito Constitucional, como secretario académico do centro en substitución da profesora María Antonia Arias, de Dereito Administrativo, que pasa a asumir o vicedecanato de Dereito e a coordinación deste grao, cargo que ata agora ocupaba Xosé Manuel Pacho.
Torres fora elixido decano en novembro de 2019 cun amplo apoio da Xunta de Facultade tras ter exercido diferentes cargos de xestión, entre eles, o de vicedecano de Calidade, no equipo encabezado pola profesora Ana Pita, e o de responsable de Asuntos Económicos e Infraestruturas, no liderado pola súa predecesora no cargo, a xa falecida Almudena Bergareche.
Torres preséntase agora á reeleción convencido de que “queda moito traballo que facer e moita marxe de mellora”, salienta, ao tempo que explica que, na medida do posible, o traballo do equipo que el encabeza sempre estivo guiado polo programa co que se presentaron ao cargo no 2019. “Evidentemente, tivemos erros, motivo polo que pedimos desculpas, pero tamén algúns acertos”, explica o candidato á reelección. Xunto a el, Riquelme e Arias completan a candidatura os docentes María Belén Fernández Docampo, da Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social, como vicedecana de Relacións Laborais e Recursos Humanos e coordinadora do grao; José Carlos Orge Míguez, da Área de Economía Financeira e Contabilidade, como vicedecano de Asuntos Xerais e Alumnado e coordinador do Programa de Simultaneidade ADE-Dereito, e Regina Ibáñez, da Área de Linguaxes e Sistemas Informáticos, como vicedecana de Calidade e Innovación.
Fortalecer a captación de alumnado, eixe central do novo programa
Como eixes centrais do programa de goberno para os vindeiros tres anos Francisco Torres fai referencia á necesidade de mellorar na captación de alumnado nos diferentes títulos que se imparten na facultade; dar maior visibilidade ao centro e a todas as actividades que se fan no mesmo, “que son moitas”, así como pór en valor “os méritos e a excelente labor docente e investigadora” do profesorado. Por outra banda, o candidato fai tamén referencia a que, de ser elixidos, nesta nova etapa se buscará involucrar máis ao alumnado na organización e participación dos actos. Neste punto destaca que “unha das liñas centrais pasa por mellorar a comunicación e contacto coas egresadas e egresados e darlles un maior protagonismo na vida da facultade”.
Por outra banda, “na medida das nosas posibilidades”, o equipo directivo tratará tamén de atender as necesidades e demandas do Persoal de Administración e Servizos adscrito ao centro para, “entre todas e todos, mellorar aquelas cuestións que precisen de ser revisadas”.