Conclúe unha nova edición co Ciclo de Actividades sobre Dereito Marítimo

Despois de seis intensas sesións, esta semana concluíu a décimo terceira edición do Ciclo de Actividades sobre Dereito Marítimo e fíxoo coa intervención dunha representante de Axencia Europea de Control da Pesca, a xefa da sección de Recursos Humanos e Asuntos Xurídicos, Rieke Arndt.

O seminario forma parte da programación da materia Dereito Marítimo que se imparte no cuarto curso Grao en Dereito da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. Organizado polos profesores Francisco Torres, decano da facultade, e Carmen Costas, este ciclo é unha oportunidade para pórse ao día sobre a operativa das empresas do sector marítimo e portuario e os principais problemas xurídicos derivados do exercicio destas profesións. Dende mediados do mes de marzo, as persoas asistentes, tanto alumnado universitario como persoas alleas ao mundo académico, puideron coñecer diferentes aspectos relacionados co sector marítimo e portuario. Así, o ciclo arrancou un relatorio sobre a operativa de consignación de buques, de man de Roi Gómez, do Kaleido Logistics e continuou cun seminario sobre o impacto da xeopolítica no transporte marítimo e a incidencia deste tipo de factores no comercio internacional, que foi impartido por Eva Ortiz, directora xeral de Eimskip Logistics Spain. Outra das sesións centrouse nos seguros marítimos, prestando especial atención ás reclamacións e coberturas, da man de Rebeca Barbará García, responsable de sinistros marítimos de Mapfre España.

As 40 persoas inscritas tamén puideron participar nun taller sobre comercio e transporte internacional de contedores, que impartiu Francisco Fernández Sasiaín, director de operacións de Progeco Vigo, que se centrou principalmente no sector da exportación da madeira de piñeiro. A semana pasada tamén tivo lugar unha visita ao Porto de Vigo, onde puideron coñecer tanto a lonxa, unha das máis grandes e con maior volume de capturas de España, como o porto comercial, altamente especializado no movemento de mercancía xeral de alto valor, que vai dende pezas de automoción e vehículos ata produtos pesqueiros, tanto conxelados como frescos e elaborados.

Finalmente, este martes a encargada de pechar esta décimo terceira edición do ciclo foi Rieke Arndt, xefa de sección de Recursos Humanos e Asuntos Xurídicos da Axencia Europea de Control da Pesca, que realizou unha presentación sobre a actividade que desenvolve esta axencia, cuxa misión consiste en promover as normas comúns de máis alto nivel en materia de control, inspección e seguimento no marco da política pesqueira común.

Este ciclo conta coa axuda e financiamento do Consello Social e da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da Universidade de Vigo; e forma parte das actividades do Grupo de Potencial Crecemento da Xunta de Galicia DMT no marco do proxecto Retos para un mercado de traballo equitativo, sostible e aberto á competencia no contexto da nova economía e da dixitalización.

Link a nova no DUVI