Catro traballos realizados por estudantes das universidades de Vigo e Santiago de Compostela acaban de facerse coa II edición do Premio de investigación xurídica en lingua galega Xosé Luis Franco. Así se deu a coñecer este xoves na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo nunha xornada organizada en homenaxe a Francisco Fernández del Riego con motivo da celebración das Letras Galegas 2023.
Dirixido a fomentar o emprego da lingua nos traballos de investigación xurídica entre o estudantado de grao e mestrado, o premio está dotado con 400 euros para cada un dos traballos galardoados, así como cun diploma acreditativo. Nesta segunda edición o xurado, presidido polo decano do centro Francisco Torres, destacou o “gran nivel” de todos os traballos presentados, así como a súa calidade e corrección lingüística, metodoloxía e rigor técnico empregado.
Catro traballos de “gran nivel” e temáticas moi distintas
Na modalidade A (estudantado de calquera grao ou mestrado de Galicia e do Estado), outorgouse o premio, ex aequo, a dous traballos realizados por alumnas da Universidade de Santiago de Compostela. No caso da investigación realizada por Andrea Díaz Villares, A protección no traballo ás persoas que informen sobre infraccións de Dereito da Unión Europea, analiza a cuestión dos whistleblowers, dos soplóns, e da súa regulación de desenvolvemento da directiva comunitaria 2019/1937, propondo unha denominación galega propia para este termo inglés, ‘destoucador’.
O segundo traballo premiado neste modalidade foi O afundimento do Prestige: a distribución de competencias nas materias de mariña mercante e protección civil e a omisión da mesma na sentenza da Audiencia Provincial núm. 2641/2013, de 13 de novembro, realizado por Andrea Rey Castro. Neste caso, o estudo analiza as circunstancias nas que se produciu o afundimento do Prestige, así como a sentenza e o contexto competencial en materia de mariña mercante e protección civil. “Analiza tecnicamente a SAP de A Coruña 2641/2013, de 13 de novembro, un dos procesos máis complexos seguidos na nosa xurisdición”, subliñaron desde o xurado.
Na modalidade B, específica para o alumnado da UVigo, decidiuse tamén entregar dous galardóns ex aequo: un a Ana María Aído, estudante do Mestrado da Avogacía, polo traballo Inventores artificiais. Un novo reto para o Dereito de patentes, no que analiza os problemas que suscitan os inventos xerados por intelixencia artificial e a súa protección polo dereito de patentes, con especial referencia ao caso Dabus; e outro a Xurxo Rodríguez, do Grao en Dereito, por Terrorismo e dereitos fundamentais, no que estuda a relación dos dereitos fundamentais no ámbito do terrorismo. “Faise unha análise exhaustiva do concepto de terrorismo conxuntamente co seu marco xurídico internacional e nacional que permite visibilizar un abuso do termo nun contexto de perda de razón na resposta ao terrorismo”, recalcaron desde o xurado.