Por que o universo dos activos dixitais semella un mundo masculino? Por que a maioría de ‘influencers’ do mundo cripto que saen á palestra son homes? Está equilibrada a proporción entre homes e mulleres nos consellos de administración das empresas? Estas son algunhas das preguntas ás que se deu resposta este luns na VI Xornada de igualdade de xénero e Dereito Mercantil, actividade dirixida desde a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo polas docentes Sara Louredo e Ana Mª Aido e para a que, nesta ocasión, se contou coa participación de dúas profesoras expertas en Dereito Mercantil que levan anos traballando intensamente estas cuestións: Vanessa Jiménez, da Universidad de Salamanca, e Josefina Boquera, da Universidad de Valencia.
Superando o mito dos ‘cripto-bros’
A xornada, que se levou a cabo nunha das aulas Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, arrancou coa intervención da profesora Vanessa Jiménez, quen puxo sobre a mesa dúas ideas clave: dunha banda, a necesidade dunha maior educación financeira sobre todos os temas relacionados cos criptoactivos e os mundos virtuais e, da outra, que a fenda de xénero que semella existir nestas cuestións cada vez dilúese máis e, “se todo segue así”, seguirá a esvaecerse cada vez máis, debido, sobre todo, á entrada de persoas que teñan coñecementos económicos, tecnolóxicos e xurídicos neste tipo de materias.
“Unha cousa é o que se ve nas redes e outra a realidade, e iso é o que me gustaría amosar hoxe aquí”, subliñoulle a experta ás persoas asistentes, facéndolles fincapé en que ”máis alá do mito dos ‘cripto-bros’ que se pretende vender hai unha importante presenza feminina en todo este mundo moito máis importante do que puidese parecer”.
Moitas expectativas na nova lei de paridade do Goberno
Pola súa banda, Josefina Boquera, catedrática de Dereito Mercantil da Universidad de Valencia, centrou a súa intervención na representación das mulleres nos órganos de administración e alta dirección das sociedades de capital, tanto desde o punto de vista da situación actual como nas perspectivas que se agardan para os vindeiros anos.
“Nestes intres estamos pendentes dun proxecto de lei sobre representación paritaria que xa entrou no Congreso”, explicou a experta, quen se amosou moi positiva coa evolución que se está a acadar neste sentido. “Nos últimos catro anos aumentou moito o número de mulleres nos consellos de administración atopándonos na actualidade con cifras que van do 36 ao 40% e o ideal sería chegar á paridade, é dicir, ao 50%”, algo para o que, desde o seu punto de vista, axudará bastante a nova lei. “Se a lexislación actual aposta polo fomento da igualdade, a nova lei tratará de impoñela, e incluso haberá medidas que establecerán que, en caso de igual capacidade, elixiríase a persoa candidata do xénero menos representado nestes órganos”.
Esta xornada enmárcase no ciclo de actividades Igualdade de xénero e Dereito Mercantil creado hai máis de cinco anos polos catedráticos da Universidade de Vigo Anxo Tato, Julio Costas -que asistiu á xornada- e Pablo Fernández Carballo-Calero e está co-financiada pola Unidade de Igualdade e o Departamento de Dereito Privado da UVigo.