Preto dun cento de estudantes dos graos de Economía e de Administración e Dirección de Empresas asistiron este luns na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo á Xornada As Cooperativas Agroalimentarias en España, unha actividade na que tiveron a oportunidade de achegarse a unha realidade que en Galicia engloba a miles de empresas, existindo na actualidade entre 1300 e 1400 cooperativas que representan arredor do 7% do PIB.
Moderados polo catedrático de Dereito Mercantil, Julio Costas Comesaña, a xornada arrancou coas intervencións de Higinio Mougán, xerente da Asociación de Cooperativas Agroalimentarias de Galicia, Agaca, e a profesora da UVigo María José Cabaleiro, coordinadora do proxecto Saves, que foron os encargados de presentar a realidade deste sector en Galicia, explicando en detalle a longa colaboración entre Agaca e a Universidade de Vigo. “A min gustaríame dicirvos que, cada vez máis, necesitamos talento no sector primario, e tamén que cada vez hai unha maior demanda de persoal especializado”, salientou o responsable de Agaca, que fixo unha chamada “especial” ao alumnado ao que lle gustaría poder desenvolver a súa traxectoria profesional no mundo rural.
Saves, porta de acceso ás cifras do cooperativismo galego
Especial protagonismo tivo a aplicación dixital Saves, nada no seo do centro de investigación Ecobas e que permite consultar dende calquera dispositivo electrónico información ampla de carácter económico-financeira das sociedades cooperativas galegas. Dispoñible en inglés, galego e castelán, esta ferramenta é, tal e como explicaba Cabaleiro nesta charla, froito de “moitísimos anos de investigación e, á vez e non menos importante, de moitos anos de cooperación e colaboración entre a Universidade, o movemento cooperativo e a administración”. De feito, Cabaleiro salientou que a ferramenta nútrese da información económica, financeira e social das cooperativas galegas obtida principalmente das contas anuais depositadas no rexistro oficial de cooperativas de Galicia. Tal e como se recolle na súa web e como foi explicando a docente da UVigo, Saves é unha ferramenta deseñada para que as persoas usuarias poidan empregar a información recollida nesta base de datos para satisfacer as súas necesidades ‘á carta’, ben sexa para coñecer a situación do cooperativismo e a economía social nun período de tempo concreto ou nun determinado sector; para comparar a información real da súa propia cooperativa cos valores medios dun grupo de entidades similares á súa; ou para coñecer o valor de diferentes indicadores en sectores ou subsectores específicos.
Participantes tamén do resto de España
A maiores a xornada contou tamén coa participación da catedrática de Dereito Financeiro Pilar Alguacil Marí, directora da Cátedra Cooperativas Agroalimentarias, da Universitat de València, e de Tomás Rojas Pacheco, director da área financeira, fiscal e xestión interna de Cooperativas Agroalimentarias de España, que foi o encargado de afondar no réxime xurídico, fiscal e laboral deste tipo de entidades.