O edificio Redeiras acollerá a vindeira semana un congreso internacional no que se abordarán os retos actuais do dereito de familia ante unha sociedade máis inclusiva. O evento, organizado por docentes da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, reunirá especialistas galegos e portugueses neste eido para analizar entre outros temas, diferentes respostas ante unha nova realidade social. Así, ao longo de dúas xornadas, os días 21 e 22, trataranse temas como as medidas cautelares para a protección das mulleres e menores vítimas de violencia de xénero, os efectos das redes sociais nas e nos menores, os procesos xudiciais relacionados coas familias ou a discapacidade ou o dereito de sucesións.
O congreso arrancará o xoves 21 con acto institucional de apertura seguido dunha mesa redonda centrada nos retos do Dereito de Familia ante unha nova realidade social na que se exporán propostas de mellora en materia de presunción de paternidade. Nela intervirán Ana Rodríguez Álvarez e Almudena Valiño Ces, profesoras de Dereito Procesual da Universidade de Santiago de Compostela. O debate estará moderado por Ángel Mariño de Andrés, docente da UVigo.
A segunda mesa da xornada será sobre vulnerabilidade e menores. Rossana Martingo Cruz, profesora da Universidade do Minho porá o foco nas redes sociais, mentres que Maria De Lurdes Varregoso Silva Da Costa Mesquita, da Universidade Portucalense, falará sobre a orde procesual portuguesa. Para completar esta mesa intervirá Isabel Espín Alba, catedrática de Dereito Civil na USC, que se centrará na protección das persoas menores de idade nas contornas dixitais, prestando especial atención ao shareting, é dicir, o uso das redes sociais por parte dos proxenitores para compartir fotos o vídeos dos fillos e fillas. Presenta e modera este debate Blanca Otero Otero, docente da UVigo.
Xa pola tarde arrancará outra mesa redonda sobre a protección de menores en España e Portugal. Cristina Días, da Universidade do Minho, centrarase na figura do apadriñamento civil, mentres que Guillermo Iruegas Prada, abogado, abordará o acollemento de dereito e adopción de feito e Inmaculada García Presas, da Universidade de A Coruña, afondará na situación de desamparo dos menores de idade e nas figuras de acollemento e adopción. Presenta a mesa Esther Pillado González, catedrática de Dereito Procesual da UVigo e organizadora do congreso.
Esta primeira xornada pecharase coa presentación de comunicacións, nunha sesión moderada por Pablo Grande Seara, profesor da UVigo.
Segunda xornada
A xornada do venres arrancará cunha mesa redonda sobre procesos xudiciais, familia e discapacidade. Nela, Blanca Otero Otero, docente da UVigo, falará sobre a audiencia ao menor nos procesos de familia, mentres que Dolores Fernández Fustes, tamén da UVigo, porá o foco sobre as especialidades do proceso para a adopción de medidas de apoio ás persoas con discapacidade. Esta mesa será moderada por Tomás Farto Piay, docente na UVigo.