A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, no campus de Ourense, e a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, no campus de Vigo, acolleron este luns a inauguración do Programa universitario para a o emprego e a vida autónoma. Doce persoas con diversidade intelectual, seis en cada campus, cursarán desde agora e ata xuño este título propio da Universidade de Vigo que ten como obxectivo ofertar a este alumnado competencias que melloren a súa autonomía, formación académica e preparación laboral como cidadás activos.
O título, que se insire dentro da oferta da Escola aberta de formación permanente da UVigo e ten como directora académica a Noelia Rivera, desenvólvese en colaboración coas asociacións Down Vigo e Down Ourense, entidades especializadas na atención a persoas con Síndrome de Down e diversidade intelectual, e está financiado pola Fundación ONCE e cofinanciado polo Fondo Social Europeo. María Isabel Doval, vicerreitora de Benestar, Equidade e Diversidade da Universidade de Vigo, deu a benvida ao alumnado do campus de Vigo xunto a Francisco Torres, decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, salientando que este programa é un paso máis no camiño “dunha universidade que aspira a ser inclusiva”. A responsable institucional recalcou que “estamos todos moi contentos coa acollida desta iniciativa” que, lembrou, arrancou o pasado ano no campus vigués cunha experiencia piloto e que “este ano consolídase, ampliándose ao campus de Ourense, e agardamos que o vindeiro curso poidamos organizalo tamén en Pontevedra”. A posta en marcha desta oferta na UVigo, dixo a vicerreitora, está na liña cos títulos propios no mesmo eido que xa se imparten noutras universidades españolas, neste caso coa característica, apuntou, de que se desenvolve en dous campus distintos.
En Ourense, onde o programa se leva a cabo por primeira vez, Mónica Villanueva, directora da Área de Coordinación do Campus de Ourense, foi a encargada xunto a María Montserrat Cruz, decana da Facultade de Ciencias Empresarias e Turismo, de dar a benvida aos seis rapaces e rapazas matriculados neste campus. Na súa intervención, a directora de área amosou a satisfacción da institución académica pola posta en marcha desta iniciativa tamén en Ourense e trasladoulle ás e aos estudantes presentes o seu desexo de que “vos encante o voso paso polo campus, que aprendades moito e vos divirtades”, recalcándolles que “agora pasades a ser xa universitarios e universitarias”.