A primeira edición do Premio xurídico de investigación en lingua galega Xosé Luís Franco xa ten gañadores. O fallo do xurado deste certame, que organiza a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo e ten como obxectivo fornecer o proceso de dinamización lingüística da Universidade de Vigo e fomentar o emprego da lingua nos traballos de investigación xurídica, foi anunciado este mércores no transcurso do acto As letras galegas e o dereito, organizado co gallo da celebración do Día das Letras Galegas.
Os gañadores son Claudia Galego, na modalidade A, destinada ao estudantado de todas as universidades do Estado, e Saúl Gómez e Erín Míllara, ex aequo, na categoría específica para estudantes da facultade viguesa. Os galardóns teñen unha dotación de 400€ e entregaranse no transcurso do acto de graduación da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo.