O próximo venres conmemorarase o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, unha importante efeméride á que Universidade de Vigo se suma con diversas iniciativas e actividades ao longo da semana. A primeira delas tivo lugar este luns na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da man da maxistrada Paz Filgueira, especialista en violencia de xénero, que impartiu un relatorio titulado A violencia contra a muller: entre a normativa e a realidade.
Acompañada na mesa polo decano do centro, Francisco Torres, a técnica da Unidade de Igualdade, Mar Cendón, e a profesora Marta García Mosquera, promotora da actividade e coordinadora de igualdade da facultade, a maxistrada fixo un percorrido polos seus máis de 20 anos de carreira e analizou a evolución que neste tempo que produciu en materia de violencia de xénero. Actualmente con destino no xulgado de primeira instancia de Santiago de Compostela, Filgueira exerceu durante máis de nove anos como titular do xulgado exclusivo de violencia sobre a muller de Vigo. “Solo neses anos”, lembrada, “vin 10.000 casos, catro de deles de asasinato e outros doce ou catorce tentativas”.
Na súa intervención foi repasando diferentes fitos que se produciron dende a entrada en vigor da Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, en 2004, ata a actual ‘Lei do si é si’. Explicou que a elaboración da lei de 2004 respondeu a unha demanda social derivada duns “datos terribles” como os recollidos, por exemplo, nun informe do Defensor del Pueblo en 1998 “cunha media de 120-130 asasinadas cada ano pola parella ou ex-parella”. Delas, puntualizaba a maxistrada, o 98% puxera denuncia previa, “un dato intolerable para a democracia”. Actualmente, esta cifra é de entre o 15% e o 20%, “mellorouse moitos en dúas décadas, pero segue sendo unha cifra elevada, non se pode tolerar nun país que ten un pacto de estado en vigor, co desprazamento de orzamento que hai para este eido que se manteñan estes números”.
Ante un salón de graos ateigado de estudantes, a maxistrada tamén quixo facer fincapé en determinados aspectos, como o feito de que “non existe un perfil de agresor nin perfil de vítima, solo existen condutas estereotipadas froito do desequilibrio constante entre homes e mulleres. O único risco é ser muller”. Por outra banda, tamén se referiu ao acoso, sobre todo ao que se produce en redes sociais e a través de medios dixitais, “xa que na miña experiencia, todo os casos de asasinato estaban precedidos por situacións de acoso non denunciado”.
Filgueira tamén aproveitou a súa intervención para referirse á polémica pola aplicación da Lei de Garantía Integral de Liberdade Sexual ou Lei do si é si. Lembrou que a posta en marcha desta normativa non é “un capricho do lexislador”, senón que responde a unha esixencia do convenio de Istambul ao que España está adherido. Este acordo, recalcaba, “esixe ampliar a protección da muller a todos os niveis, ir máis aló da violencia exercida pola parella e ex-parella e poñer o foco noutros aspectos como a mutilación xenital, os matrimonios forzados, a violencia sexual, o consentimento, a liberdade sexual”. Segundo Filgueira isto é o que se trata de integrar no novo texto lexislativo, que entrou en vigor” hai apenas dous meses”. Ao seu entender é unha lei “positiva, pero non nos podemos deixar levar polo feito de que se revisen catro sentenzas, cando, por exemplo, a Audiencia Provincial da Rioxa pechou filas e dixo que non van revisar se a pena que se aplicou segue recollida no código penal”.