As tensións internacionais, os conflitos armados, os fluxos migratorios, as crises económicas ou as dinámicas de poder global inflúen directamente na produción normativa e na actuación dos poderes públicos. Conscientes desta realidade, este martes celebrarase en Vigo o V Foro Xurídico Ibero-Brasileiro, un encontro internacional que reúne arredor de 40 profesionais do ámbito académico e xurídico de España e Brasil para analizar os retos actuais do Estado de Dereito nun contexto global marcado pola xeopolítica.
O encontro arranca mañá martes ás 09.30 horas cun acto de apertura que contará coa participación da vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo Triviño, xunto con Adriana dos Santos Marmori Lima, reitora da Universidade do Estado da Bahia; Pablo Grande Seara, decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, centro no que ten lugar o encontro, xunto cos coordinadores do evento, os profesores Clodoaldo Silva da Anunciação, por parte da Universidade do Estado da Bahia, e Juan Antonio Hernández Corchete, profesor titular de Dereito Administrativo da Universidade de Vigo.


