A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo acolleu esta semana as primeiras sesións dunha nova edición do Ciclo de Actividades sobre Dereito Marítimo, a décimo cuarta. O seminario, coordinado polo profesor Dereito Mercantil e decano da facultade, Francisco Torres, e a profesora e avogada Carmen Costas Martínez-Grimaldi, ten como obxectivo prioritario “ofrecer unha visión práctica do sector marítimo portuario con temáticas explicadas por profesionais con experiencia”.
Os seminarios e relatorios son de libre acceso e de balde para calquera persoa interesada, tanto da comunidade universitaria ou de fóra da mesma, e abordan diferentes aspectos. Como explican os seus impulsores, algunhas temáticas van variando ciclo a ciclo, mentres que “outras son seminarios que sempre ofertamos polo seu grande interese”. Este ano destacan as “actividades centradas nos efectos xeopolíticos e económicos das novas rotas de transporte marítimo e tamén, por primeira vez, abordase a cuestión da enerxía eólica mariña”, detalla Francisco Torres. En conxunto, os organizadores consideran que se trata dunha proposta “moi interesante para calquera persoa, sexa ou non da comunidade universitaria, que queira familiarizarse con tales materias”.


