O I Congreso Internacional de Violencia Sexual arrancou este luns a súa programación na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. Na cita, dirixida polas profesoras da Universidade de Vigo Inés C. Iglesias Canle e María José Bravo Bosch, especialistas de España, Portugal, Italia e Brasil abordan a situación actual e perspectivas de futuro en regulación de violencia de xénero. A súa análise faise tendo tamén en conta a perspectiva histórica neste eido, concretamente os antecedentes da antiga Roma.
O congreso, que leva por título Violencia sexual: antecedentes romanos e regulación actual, continuará celebrándose os días 22, 25 e 29 de outubro e está organizado dentro das actividades do grupo de innovación docente Docentia et Mulier da Universidade de Vigo. Conta co apoio das facultades de Ciencias Xurídicas e do Traballo e de Dereito; do Consello Social, da Vicerreitoría de Investigación, da Unidade de Igualdade da UVigo e da Deputación de Ourense. A súa temática, indicaron as súas responsables na apertura, “está vinculada a liñas de investigación nas que traballamos desde hai moitos anos, centradas no tratamento do principio de igualdade e loxicamente en todas aquelas accións contra o mesmo, entre elas a violencia de xénero e a violencia sexual”.
O programa, indicou Inés C. Iglesias Canle, conta con “amplas e nutridas” sesións de exposición e debate. “Vamos a tratar contido vinculado á orixe, á regulación actual e á regulación previa da violencia sexual, tendo en conta a perspectiva do dereito comparado. Nos relatorios abóordase a situación actual na materia pero tamén as liñas de futuro das reformas en Brasil, Portugal, Italia e España”, comentou. O tratamento da regulación da violencia sexual, indicaron as directoras do evento, adquire nestes momentos un interese destacado pois, lembraron, a pasada semana foi referendado no Congreso dos Deputados o proxecto de Lei orgánica de garantía integral da liberdade sexual e está en trámite o anteproxecto de Lei para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos das persoas LGTBI, dous documentos que tamén serán abordados ao longo do congreso.