Venres, 4 de outubro.–Link a nova no DUVI Os pasados meses de abril e maio o Tribunal Constitucional ditou dúas sentenzas que supoñen un cambio profundo na xestión do dominio público marítimo terrestre, que se concreta na xeneralización da competencia autonómica no outorgamento de concesións e que “posiblemente tamén supoña un maior protagonismo na competencia autonómica de regulación”, sinala Juan Antonio Hernández Corchete, profesor de Dereito Administrativo da UVigo. Hernández Corchete, xunto a un grupo de docentes e investigadores da súa área, dirixe as xornadas Cuestións do litoral: visións a partir da doutrina constitucional de 2024 que comezaron este venres no edificio Redeiras e continuarán o día 18 na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo co obxectivo de, segundo o seu director, “contribuír á definición das regras xurídicas que rexen a regulación (a fixación de normas) e xestión (aplicar esas normas a casos concretos) do litoral costeiro”.
Maxistrados e maxistradas do Tribunal Constitucional, do Supremo, de tribunais provinciais, docentes, investigadores e letrados que aplican a norma participan nas xornadas que esta mañá foron inauguradas polo presidente do Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez. Na súa intervención, o titular do executivo galego enxalzou a Lei de Ordenación e Xestión Integrada do Litoral (Loxilga) como exemplo da aposta de Galicia polas políticas de aproveitamento sostible dos recursos naturais. “Fixemos unha norma escoitando aos que realmente saben, expertos en dereito administrativo, en economía marítima… Non pretendemos outra cousa que exercer a nosa capacidade co convencemento de que desde aquí o podemos facer mellor e de que hai unha normativa xurídica estatal que debemos acatar”, apuntou. Rueda, que recordou que a Lei de Ordenación e Xestión Integrada do Litoral, pioneira en España, foi “aprobada polo Parlamento de Galicia sen votos en contra” e avalada polo Tribunal Constitucional o pasado mes de abril, a pesar de quedar paralizada durante meses polo recurso interposto polo Goberno central. O presidente da Xunta indicou que acaba de recibir unha carta do ministro de Política Territorial e Memoria Democrática onde apunta ao “envío próximo” dun primeiro borrador por parte do Goberno central para iniciar o proceso de negociación coa Xunta, que culminaría coa convocatoria da Comisión Mixta de Transferencias. O titular do Goberno galego tamén fixo fincapé na necesidade de abordar debates sobre novas actividades, como a eólica mariña, asegurando sempre a compatibilidade da preservación “dos dereitos do noso sector pesqueiro, un dos máis potentes de Europa, co desenvolvemento económico e as oportunidades que poden supoñer”.
Pola súa banda, o decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, Francisco Torres, destacou na súa intervención o carácter estratéxico destas xornadas, que asegurou ademais son un exemplo de transferencia de coñecemento. Torres felicitou á organización das sesións que contan, dixo “con excelentes poñentes e unha temática de candente actualidade”. .
Unha reflexión xurídico-técnica sobre a doutrina do TC
A nova situación competencial determinada pola doutrina do Constitucional, consideran os organizadores das xornadas, esixirá precisar moitos detalles que agora quedan indeterminados, “e iso debe contribuír á reflexión técnico-xurídica que estamos a impulsar”, sinala Hernández Corchete, que lembra a regulación do litoral, que establece as regras sobre que usos son posibles nel, reviste gran importancia económica e social. “Na área de Dereito Administrativo da UVigo traballamos estas cuestións e estamos en disposición de impulsar este debate xurídico”, explica o director das xornadas, que destaca que el mesmo foi letrado do Tribunal Constitucional varios anos e tratou estas temáticas.
Na primeira sesión das xornadas estase a abordar a doutrina do constitucional de 2024, así como o seu destinatario, o lexislador e executivo autonómico, vai traballar en adiante con vistas na nova situación normativa. Así mesmo, tratarase a visión dos profesionais da avogacía e cuestións máis específicas como a articulación da xestión do litoral, a situación da eólica mariña e o papel das administracións locais. Cara o día 18, cando se celebrará a segunda das sesións, o argumento central será a visión dos xuíces ordinarios, diferentes dos constitucionais, nomeadamente o maxistrado do TS Wenceslao Olea e o do contencioso-administrativo de Pontevedra Francisco Cominges.