O campus volve converterse este outono en centro de debate sobre as cuestións máis relevantes do Dereito da Competencia e da Propiedade Industrial e Intelectual e faino da man dunha nova edición, a oitava, do ciclo de conferencias sobre estas temáticas, unha actividade xa clásica na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. Son cinco sesións teórica-prácticas orientadas, sobre todo, ao alumnado do centro, pero tamén de elevado interese para as e os profesionais que traballan neste ámbito.
A nova edición arrancou este luns pola tarde coa intervención do catedrático Pablo Fernández Carballo-Calero, un dos tres directores do ciclo, e da tamén profesora de Dereito Mercantil da Universidade de Vigo Sara Louredo, que foi a encargada de impartir a conferencia inaugural O deseño industrial rexistrado e non rexistrado: como responder a mercados cada vez máis efémeros?
“O deseño industrial non rexistrado é unha modalidade de protección dos deseños -debuxos, formas, texturas, etc. ou combinación de todo o anterior- que resulta moi áxil e beneficiosa para produtos efémeros, isto é, moda, xoguetaría, mobiliario, etc. porque non pasa por unha oficina, non se pagan taxas, non tarda un tempo en ser concedido...”, explicou Louredo na súa intervención. Nesta liña, a docente fixo fincapé en que cada vez máis industrias teñen produtos cunha vida "estética" breve -aínda que a vida útil poida ser maior- e é interesante coñecer que existe esta tutela. “Ademais, é salientable que desde o 2022 hai unha proposta de modificación lexislativa respecto dos instrumentos europeos que regulan a cuestión, que son unha Directiva e un Regulamento, e que presentan algunhas novidades en canto á dixitalización dos deseños e aos produtos que son empregados como recambios,por exemplo, de automóbiles”, apuntou a relatora desta primeira charla do ciclo.
Hai apenas un mes o Consello de Goberno aprobaba o seu nomeamento como catedrático emérito e esta semana os seus discípulos académicos fixéronlle entrega dun libro homenaxe polo seu 70.º aniversario, unha obra de case 1400 páxinas -divididas en dous tomos- nas que se recollen as achegas de máis dun cento de prestixiosos penalistas sobre a situación actual desta profesión. Falamos do profesor Javier de Vicente Remesal, catedrático en Dereito Penal da Universidade de Vigo desde 1993, institución na que ademais de exercer como docente e investigador desempeñou diferentes cargos de xestión, entre eles o de vicedecano da Facultade de Dereito, decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, ou vicerreitor de Profesorado con Domingo Docampo como reitor.
A entrega do libro tivo lugar este martes nun acto celebrado no edificio Redeiras, unha xornada internacional na que coincidiron algún dos docentes que participan na obra, así como o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa, que se encargou de inaugurar o encontro, e o reitor, Manuel Reigosa, que o clausurou. Foi un acto de “emoción intensa” como subliñaron en numerosas ocasións os seus protagonistas, sobre todo no propio intre da entrega da obra ao profesor de Vicente Remesal de mans dos seus máis estreitos colaboradores: os docentes da Universidade de Vigo Marta García Mosquera e Virxilio Rodríguez Vázquez, os seus discípulos académicos; o catedrático emérito da Universidad de Alcalá, Diego M. Luzón Peña, presidente de honra da Fundación Internacional de Ciencias Penales ((FICP), “pai académico” e gran amigo do homenaxeado desde que se coñeceran en 1977 en Salamanca; e Miguel Díaz e García Conlledo, catedrático en Dereito Penal da Universidad de León, profesor honorario da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo da UVigo, patrón da FICP e “irmá académico” do profesor de Vicente.
De que maneira pode España aumentar a calidade dos seus servizos públicos de emprego? Como se poden mellorar as perspectivas laborais das persoas demandantes de traballo? Estas son as dúas grandes preguntas as que trata de responder o catedrático da Universidade de Vigo Jaime Cabeza na súa última publicación Recolocación y colocación: políticas públicas y actores públicos y privados, obra publicada en aberto dentro da Biblioteca Jurídica Digital do Boletín Oficial do Estado e dedicada á memoria do lugués Germán Barreiro González, catedrático de Dereito do Traballo da Universidad de León falecido o pasado mes de decembro.
O libro sitúa ao lector ante o panorama da recolocación e a colocación, dous aspectos que en España se desenvolven no contexto do emprego como realidades practicamente antagónicas: a primeira, no dominio do sector privado, como unha actividades destinada a profesionais cualificados, cunha eficacia contrastada e cunha riqueza de matices moi destacada. A segunda, no ámbito público, xeralizada a toda a poboación desempregada, cunha taxa de éxito moi limitada e unha mala consideración social, prestada dunha forma indiferenciada no contexto de múltiples procedementos burocráticos.
Despois de seis intensas sesións, esta semana concluíu a décimo terceira edición do Ciclo de Actividades sobre Dereito Marítimo e fíxoo coa intervención dunha representante de Axencia Europea de Control da Pesca, a xefa da sección de Recursos Humanos e Asuntos Xurídicos, Rieke Arndt.
O seminario forma parte da programación da materia Dereito Marítimo que se imparte no cuarto curso Grao en Dereito da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. Organizado polos profesores Francisco Torres, decano da facultade, e Carmen Costas, este ciclo é unha oportunidade para pórse ao día sobre a operativa das empresas do sector marítimo e portuario e os principais problemas xurídicos derivados do exercicio destas profesións. Dende mediados do mes de marzo, as persoas asistentes, tanto alumnado universitario como persoas alleas ao mundo académico, puideron coñecer diferentes aspectos relacionados co sector marítimo e portuario. Así, o ciclo arrancou un relatorio sobre a operativa de consignación de buques, de man de Roi Gómez, do Kaleido Logistics e continuou cun seminario sobre o impacto da xeopolítica no transporte marítimo e a incidencia deste tipo de factores no comercio internacional, que foi impartido por Eva Ortiz, directora xeral de Eimskip Logistics Spain. Outra das sesións centrouse nos seguros marítimos, prestando especial atención ás reclamacións e coberturas, da man de Rebeca Barbará García, responsable de sinistros marítimos de Mapfre España.
- Medio cento de xuristas hispano-brasileiros debaten no campus os impactos da intelixencia artificial no Dereito
- Melloran as cifras de liderado feminino, tanto nos cargos directivos clásicos como nos novos activos dixitais
- Vigo acollerá o Congreso do Consello Nacional de Estudantes de Dereito
- Especialistas de España e Portugal abordan en Vigo os retos do sistema xudicial en materia de familia e sucesións