Esta semana pechouse en Vigo a oitava edición do Curso de formación universitaria en negociación colectiva e individual no ámbito laboral, unha actividade xa consolidada dirixida á formación de profesionais nas técnicas de negociación e na solución de conflitos. Foi este xoves pola tarde na sede da Dirección Provincial da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, na rúa García Barbón, nun acto que contou coa participación do reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Antía Sández, e os codirectores do curso, o profesores da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo Jaime Cabeza e Rosa Rodríguez Martín-Retortillo.
A conferencia de clausura correu a cargo de Mª Emilia Casas Baamonde, doutora honoris causa pola Universidade de Vigo, catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidad Complutense de Madrid, ex-presidenta do Tribunal Constitucional e conselleira electiva do Consello de Estado. Nunha intervención en liña, Casas Baamonde reflexionou acerca da recente xurisprudencia do Tribunal de Xustiza da Unión Europea sobre a directiva de salarios mínimos axeitados e ao alcance das disposicións relativas ao fomento da negociación colectiva sobre a fixación de salarios.
“O contrato fixo descontinuo foi a estrela da reforma laboral do 2021 e o seu protagonismo é, entre outros, o que ten traído a estabilidade ao emprego do noso país”. Así de contundente se amosou este martes a profesora Emma Rodríguez Rodríguez na presentación do libro El contrato fijo discontinuo: aspectos laborales y de Seguridad Social, do que é coautora xunto ao maxistrado do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia e profesor asociado da Universidade da Coruña, José Fernando Lousada Arochena. Este martes presentouse a obra no salón de graos da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, un acto no que os autores estiveron acompañados polo recoñecido avogado laboralista vigués Matías Movilla, quen exerceu como presentador.
Movilla, profesor asociado da Universidade de Vigo durante máis de 20 anos, salientou na presentación do volume como dende 1999 os índices de temporalidade foron cada vez a máis en España. Dando un salto no tempo explicou como no período 2014-2019 o 91% dos contratos que se facían no noso país eran temporais, é dicir, “menos de un de cada dez contratos era indefinido”. Fronte a esta situación na actualidade esta porcentaxe baixou ao 57%, “o que significa que se incrementaron moito os contratos fixos e que os contratos temporais normalmente renóvanse”, indicou o experto. A maiores, salientou tamén como a taxa de temporalidade para ese mesmo período se situaba no 29,7% mentres que outubro de 2025 apenas superaba o 12%. E, detrás de todo este proceso de cambio, situou, ao igual ca os autores do volume, a reforma laboral do 21 e, máis concretamente, a fórmula do contrato laboral de fixo descontinuo.
Este martes o Sindicato de Estudantes chamou á folga ao alumnado de ESO, Bacharelato e FP contra o acoso e os discursos de odio e para esixir maior inversión na educación pública para a atención da saúde mental do alumnado. En solidariedade cos seus compañeiros e compañeiras do ensino secundario, a Delegación de Alumnos/as da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo organizou unha xornada contra o acoso escolar e en lembranza de Sandra Peña, a rapaza sevillana vítima de bullying que se quitou a vida hai dúas semanas.
Os actos comezaron ás 11.15 horas cun paro académico de 15 minutos, unha concentración e a lectura dun manifesto, tras o cal se abriu unha quenda de intervencións para que a comunidade universitaria puidese tomar a palabra. Ao rematar gardouse un minuto de silencio e procedeuse a colocar unha pancarta en memoria de Sandra Peña na que o alumnado pode expresar o seu rexeitamento ao bullying e ás súas tráxicas consecuencias, e que lle será enviada á familia da moza andaluza.
Intanxible, replicable, volátil e facilmente manipulable ou alterable, parcial e heteroxénea son algunhas das características das probas dixitais, que son aquelas nas que está inserido algún elemento electrónico, informático ou dixital. “Actualmente é imposible comprender o proceso penal sen esta proba dixital, xa que se impón a máxima lóxica segundo a que, se a vida se desenvolve nun mundo tecnolóxico, a proba do que ocorre tamén haberá que buscala nesa contorna”, explica a catedrática de Dereito Procesual da UVigo e investigadora principal do proxecto La prueba penal ante la nueva realidad tecnológica en un contexto europeo, Esther Pillado González.
Logo de séculos circunscritas exclusivamente ao mundo analóxico, as probas nos procesos penais incorporáronse á era tecnolóxica e dixital, na que as TIC tamén teñen unha clara incidencia no ámbito da criminalidade e da xustiza penal, ben, como medio para desenvolver as propias conductas criminais (cíberdelincuencia ou cíbercriminalidade), ben, como medio para obter evidencias e probas dos delitos clásicos cometidos no mundo offline. “Segundo o Informe sobre cibercriminalidade en España de 2022, cometéronse preto de 375.000 feitos constitutivos de delitos informáticos, o que supón un 22,7% máis con respecto ao ano anterior. Na mesma liña, na Memoria de la Fiscalía General del Estado de 2023 ponse de relevo que un dos efectos perversos que se están a derivar da evolución tecnolóxica é o aproveitamento das TIC con finalidades criminais, circunstancia que está a xerar un claro desprazamento da actividade delituosa á contorna virtual”, detalla Pillado.
- Continúa a alianza co Consello Galego de Relacións Laborais para a mellora da formación en negociación colectiva
- A Facultade de CCXX e do Traballo reivindica o Dereito en lingua galega coa entrega do Premio Xosé Luis Franco
- Arranca a décimo cuarta edición do Ciclo de Actividades sobre Dereito Marítimo
- Unha xornada reúne no campus a tres dos máximos especialistas de España en materia de Intelixencia Artificial e contratación pública