O avance imparable das novas tecnoloxías, especialmente a intelixencia artificial, representa un reto para case todos os sectores, tamén para a xustiza. As evidencias penais de orixe dixital están cada vez máis presentes: audios, capturas de pantalla, mensaxes e conversacións electrónicas, correos electrónicos, arquivos, documentos dixitais, datos almacenados en teléfonos móbiles e computadores, datos de xeolocalización, algoritmos... Tanto é así, que a día de hoxe no 85% dos procesos penais é preciso manexar fontes de proba dixitais coas implicacións que isto ten á hora de garantir un equilibrio entre que a evidencia sexa fiable e lexítima e respecte os dereitos fundamentais.
Co obxectivo de contribuír á reflexión e o intercambio de coñecemento neste eido entre especialistas de diferentes universidades, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo celebra esta semana o Congreso Internacional Cuando la evidencia penal es digital: fiabilidad, control y garantías procesuais. Á fronte da organización está a catedrática e vicerreitora Esther Pillado González e o profesor e decano do centro, Pablo Grande Seara. A cita arrancou este xoves no edificio Redeiras e, como explican os organizadores, trátase de “favorecer un debate académico que resulta cada vez máis necesario ante a evolución da tecnoloxía e o seu impacto na xustiza penal. O reto consiste en atopar un equilibrio entre a eficacia da investigación penal e a protección dos dereitos fundamentais. A innovación tecnolóxica debe contribuír a unha xustiza máis eficaz, pero tamén debe ser compatible coa transparencia, o control e as garantías que caracterizan a un Estado de dereito”.
Como debería ser o dereito nun mundo no que os grandes desafíos económicos, ambientais e sociais transcenden as fronteiras dos estados? O prestixioso xurista e filósofo do Dereito italiano Luigi Ferrajoli (Florencia, 1940) abordou este mércores esta cuestión na Universidade de Vigo, onde presentou o seu proxecto de Constitución da Terra, unha proposta dirixida a frear o que experto denomina “poderes salvaxes” dos estados soberanos e dos mercados globais, factores que, ao seu modo de ver, escapan aos controis democráticos tradicionais.
Ferrajoli, doutor honoris causa por máis de 40 universidades de todo o mundo, proposto para o Premio Princesa de Asturias e considerado un dos principais referentes internacionais da Filosofía do Dereito, acudiu a Vigo para participar nas conferencias inaugurais do Programa de Doutoramento en Ordenación Xurídica do Mercado, nun repleto salón de actos da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo.
A idade, o xénero, a condición migrante ou as novas formas de traballo asociadas á dixitalización poden situar as persoas traballadoras en situacións de maior vulnerabilidade. Os retos que estas realidades presentan para o Dereito do Traballo centraron este luns o seminario internacional Desafíos sociais á gobernanza das relacións laborais, celebrado na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo.
Organizado polo grupo de investigación de Dereito Mercantil e do Traballo e coordinado polos profesores Jaime Cabeza Pereiro e Emma Rodríguez Rodríguez, a xornada reuniu especialistas de España, Arxentina e Uruguai e serviu tamén para presentar o libro Los desafíos sociales a la gobernanza de las relaciones laborales: la vulnerabilidad en el empleo, publicado recentemente pola editorial Bomarzo.
As tensións internacionais, os conflitos armados, os fluxos migratorios, as crises económicas ou as dinámicas de poder global inflúen directamente na produción normativa e na actuación dos poderes públicos. Conscientes desta realidade, este martes celebrarase en Vigo o V Foro Xurídico Ibero-Brasileiro, un encontro internacional que reúne arredor de 40 profesionais do ámbito académico e xurídico de España e Brasil para analizar os retos actuais do Estado de Dereito nun contexto global marcado pola xeopolítica.
O encontro arranca mañá martes ás 09.30 horas cun acto de apertura que contará coa participación da vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo Triviño, xunto con Adriana dos Santos Marmori Lima, reitora da Universidade do Estado da Bahia; Pablo Grande Seara, decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, centro no que ten lugar o encontro, xunto cos coordinadores do evento, os profesores Clodoaldo Silva da Anunciação, por parte da Universidade do Estado da Bahia, e Juan Antonio Hernández Corchete, profesor titular de Dereito Administrativo da Universidade de Vigo.
- Especialistas do sector analizan na UVigo os retos actuais do Dereito marítimo
- O catedrático de Dereito Mercantil Julio Costas Comesaña convértese no novo valedor da UVigo
- Pablo Grande Seara toma o relevo de Francisco Torres á fronte da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo
- Ciencias Xurídicas e do Traballo reforza o compromiso do seu alumnado coa inclusión laboral real e efectiva