A Universidade de Vigo asinou este venres o convenio que permitirá a posta en marcha dunha nova edición, e xa van oito, do Curso de formación universitaria en negociación colectiva e individual no ámbito laboral, unha actividade xa consolidada dirixida á formación de profesionais nas técnicas de negociación e na solución de conflitos.
“E un tema que interesa especialmente nun intre no que as relacións laborais están suxeitas a constantes cambios e no que o papel da negociación colectiva é esencial para dotar de garantías ás persoas traballadoras e ás empresas”, explicaron os directores do curso, os docentes da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo Jaime Cabeza e Rosa Rodríguez Martín-Retortillo, que acompañaron ao reitor, Manuel Reigosa, e a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Antía Sández, na sinatura do acordo, un acto celebrado no despacho do reitor e ao que tamén asistiu o director do Centro de Posgrao e Formación Permanente, Fernando Cerdeira.
A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo deu a coñecer hoxe xoves os nomes das persoas gañadoras do Premio de Investigación Xurídica en Lingua Galega Xosé Luis Franco. O fallo foi anunciado no transcurso do acto de celebración do Día das Letras Galegas deste centro, no que o decano, Francisco Torres, puxo en valor este certame, impulsado polo profesor e coordinador de Normalización Lingüística Xosé Manuel Pacho. Torres lembrou que esta é a cuarta edición dun evento que é “para todo o noso centro, un acto súper especial e entrañable”.
O certame Xosé Luis Franco, que busca fomentar o uso da lingua galega no eido xurídico e poñer en valor os traballos de investigación realizados neste eido que aposten polo uso da lingua propia, comprende dúas modalidades. Na primeira, aberta a estudantado de calquera grao ou mestrado matriculado no sistema universitario de Galicia e do Estado, o xurado decidiu outorgar por unanimidade o premio ex aequo a dúas estudantes da USC: Rosalía Suárez Sánchez e María Otero Canabal. A primeira presentou un traballo sobre os delitos contra a liberdade sexual, os seus precedentes, regulación actual e o piar fundamental do consentimento. A segunda centrouse na relación laboral especial do servizo do fogar familiar, realizando unha análise xurídica dende a perspectiva da prevención de riscos laborais.
A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo acolleu esta semana as primeiras sesións dunha nova edición do Ciclo de Actividades sobre Dereito Marítimo, a décimo cuarta. O seminario, coordinado polo profesor Dereito Mercantil e decano da facultade, Francisco Torres, e a profesora e avogada Carmen Costas Martínez-Grimaldi, ten como obxectivo prioritario “ofrecer unha visión práctica do sector marítimo portuario con temáticas explicadas por profesionais con experiencia”.
Os seminarios e relatorios son de libre acceso e de balde para calquera persoa interesada, tanto da comunidade universitaria ou de fóra da mesma, e abordan diferentes aspectos. Como explican os seus impulsores, algunhas temáticas van variando ciclo a ciclo, mentres que “outras son seminarios que sempre ofertamos polo seu grande interese”. Este ano destacan as “actividades centradas nos efectos xeopolíticos e económicos das novas rotas de transporte marítimo e tamén, por primeira vez, abordase a cuestión da enerxía eólica mariña”, detalla Francisco Torres. En conxunto, os organizadores consideran que se trata dunha proposta “moi interesante para calquera persoa, sexa ou non da comunidade universitaria, que queira familiarizarse con tales materias”.
A contratación pública representa arredor dun 20% do Produto Interior Bruto de España, unha porcentaxe superior incluso ao considerado motor económico do país: o turismo. Conscientes deste contexto, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo acolleu este martes unha xornada na que se analizaron os desafíos estratéxicos aos que se enfronta este relevante sector na denominada era da 4ª Revolución Industrial e na que se reuniron tres dos máximos especialistas de España en materia de Intelixencia Artificial e contratación pública, “tres pesos pesados do Dereito Administrativo español”: José María Gimeno Feliú, da Universidad de Zaragoza; Juli Ponce Solé, da de Barcelona, e Agustí Cerrillo Martínez, da Oberta de Catalunya.
Acudiron a este encontro convidados polos docentes Patricia Valcárcel Fernández e Rafael Fernández Acevedo, responsables do proxecto de investigación Desafíos estratéxicos da contratación pública na era da 4ª Revolución Industrial: sostibilidade, gobernanza e Intelixencia Artificial, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación e ao abeiro do cal se organizou esta xornada.
- Unha escolma de termos que reivindica máis ciencia en galego
- A UVigo aplaude o talento das persoas con discapacidade
- Ciencias Xurídicas e do Traballo acerca o seu alumnado á realidade da integración laboral das persoas con discapacidade
- Especialistas de Galicia e Portugal analizan os retos do sistema de xustiza en materia de familia e sucesións