O alumnado de Ciencias Xurídicas e do Traballo coñece ‘en primeira persoa’ as saídas laborais dos seus estudos

Nestas últimas semanas de curso son moitos os estudantes que, rematando os últimos exames, están comezando a plantexarse o seu futuro inmediato. Para facilitarlles este proceso, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo organizou esta semana unha xornada informativa para os estudantes dos graos en Dereito e en Relacións Laborais e Recursos Humanos.

A actividade, titulada En primeira persoa. Competencias profesionais e orientación laboral nos graos en Dereito e RRLL e RRHH comezou hoxe martes coa presentación dos mestrados que oferta o centro. A profesora María Antonia Arias foi a encargada de informar sobre o Máster en Abogacía, un mestrado habilitante, “que é requisito imprescindible para o exercicio da profesión”. O profesor Alex Pazos, pola súa banda, presentou o Máster en Xestión e Dirección Laboral e Teresa Estévez, o de Menores en situación de conflito e desprotección. O decano do centro, Francisco Torres, agradeceulles o seu traballo como coordinadores dos mestrados, “un labor intenso e sacrificado” e puxo en valor a oferta académica da facultade viguesa. Destacou, no caso do mestrado de Avogacía, os “resultados excelentes que está tendo a nivel nacional” mentres, no que se refire ao de Xestión e Dirección Laboral, lembrou que se trata dunha formación interdisciplinar e interuniversitaria que é “un verdadeiro luxo para un centro como o noso” e, finalmente sobre o mestrado en Menores en situación de conflito e desprotección lembrou que se ten convertido “nun referente na materia e moi demandado”.

Ler a nova completa no DUVI