Automatización de procesos, dixitalización, virtualidade, teletraballo… o tecido produtivo, e consecuentemente o mercado laboral, está a mudar polo impacto que nel teñen as TIC, unha sucesións de transformacións que semellan van confluír nun cambio de paradigma. Para analizar o impacto deste proceso no eido laboral, a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo acolleu este venres unhas xornadas organizada polas profesoras Emma Rodríguez e Belén Fernández, da Área de Dereito do Traballo e da Seguridade Social. O evento contou coa participación de representantes da empresa privada, dos sindicados, da administración e do mundo académico, reunidos en varias mesas redondas ao longo do día.
A todas e todos eles déronlles as grazas as organizadoras e o decano da facultade, Francisco Torres, que remarcaba no acto inaugural que este tipo de xornadas poñen en valor a transferencia do coñecemento universitario e serven para que “nos fagades chegar as vosas necesidades”, xerando “nun verdadeiro foro de debate para atopar solucións a algo tan candente como son as TIC e o seu impacto na contorna laboral”. Torres tamén quixo poñer en valor o traballo do grupo de investigación de Dereito Laboral, unha “referencia sempre á vangarda” e agradeceulles a organización deste tipo de xornadas.