Segundo o Índice Europeo de Economía e Sociedade Dixitais, DESI, España pasou nos últimos cinco anos de estar no posto 10 de Unión Europea ao número 7 e, de acordo coas estatísticas robóticas, España é o país número 14 do mundo e 4 na UE en número de robots implantados na súa economía. “Somos, aínda que non o parezamos, unha potencia robótica sobre todo na industria automobilística”. Así o explicaba María Luz Rodríguez Rodríguez, catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Castilla La Mancha, na apertura da segunda xornada do congreso O impacto da intelixencia artificial no Dereito do Traballo e da Propiedade Intelectual e Industrial, organizado polo grupo de investigación DMT da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. Este contexto de cambio fai necesaria e urxente unha reflexión sobre o impacto que esta revolución dixital ten, e terá cada vez máis, tanto no eido das relacións laborais como no da propiedade intelectual e industrial. Estes son os dous aspectos que se analizan neste simposio que reúne estes días en Vigo a 40 especialistas, sobre todo de España e Italia, coordinado polos profesores do Departamento de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da UVigo Rosa Rodríguez Martín-Retortillo e Pablo Fernández Carballo-Calero.
O congreso arrancou na tarde de onte xoves no edificio de sesións da Autoridade Portuaria de Vigo, centrándose principalmente no eido da propiedade intelectual e industrial, prestando especial atención aos problemas de autoría e patentabilidade das obras realizadas por IA. A xornada deste venres trasladouse ao edificio Redeiras, sede institucional da UVigo na cidade, e puxo o foco no eido do Dereito do Traballo, con ponencias sobre a utilización de IA para a xestión de recursos humanos e abordando, en particular, os riscos que implica o uso de algoritmos e os nesgos discriminatorios que poden conter na súa configuración.
O evento encádrase, como explica a profesora Rodríguez Martín-Retortillo, no marco do proxecto Retos para un mercado de traballo equitativo, sostible e aberto á competencia no contexto da nova economía e da dixitalización, que desenvolve o grupo DMT, formado por persoal investigador da Área de Dereito do Traballo e a Área de Dereito Mercantil. Este grupo, recoñecido como Grupo de Potencial Crecemento pola Xunta de Galicia, “ten por obxecto a análise do marco xurídico das actividades económicas nas que as relacións e interaccións entre a normativa laboral e mercantil é máis intensa e, en ocasións, conflitiva”. Como explica Rodríguez Martín-Retortillo, entre as múltiples liñas de traballo que están a desenvolver está o impacto da dixitalización nas relacións de traballo, e ao abeiro dela xurde a idea de organizar este congreso.