Alumnado, PDI e PAS da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, así como doutros centros do campus e o estudantado do Programa para o Emprego e a Vida Autónoma da UVigo participaron hoxe, estampando as súas mans, na elaboración dun mural co que a UVigo se suma á celebración do Día Internacional das Persoas con Discapacidade.
Baixo da dirección de persoal da Fundación IgualArte, os membros da comunidade universitaria empregaron diferentes técnicas pictóricas para elaborar unha pintura mural sobre papel na que as mans, dispostas en forma de aplausos, son as protagonistas deste día internacional que se celebra baixo o lema Aplaudir o talento das persoas con discapacidade.
“Uns aplausos que queremos que poñan en valor o talento de moitas persoas con discapacidade, uns aplausos que sirvan para que nos comprometamos, eliminemos a condescendencia ou a falta de expectativas destas persoas, xa que estas etiquetas son un obstáculo invisible que limita a súa aprendizaxe, o seu desenvolvemento e por ende a súa inclusión. Non se trata de aplaudir as accións cotiás, xa que estas discriminan e seguen fomentando a construción de muros. Temos que confiar no potencial das persoas e aplaudir o seu talento e profesionalismo”, sinala Maruxa Álvarez, directora da Área de Emprego e Emprendemento da UVigo.
O mural, que se formula como algo dinámico e sobre o que se irán pegando recortes de prensa sobre logros acadados con persoas con discapacidade, pode visitarse na entrada da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo.