Cando restan 20 días para a celebración das eleccións xerais en España, cinco docentes e investigadores da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo protagonizaron este martes unha mesa redonda centrada en dúas das cuestións que desde o punto de vista da lexislación electoral máis interese espertaron nos últimos meses: a lei de netos e o dereito a sufraxio das persoas con discapacidade. A docente da Área de Dereito Constitucional María Hylma Alcaraz; o docente da Área de Dereito Administrativo Juan Antonio Hernández Corchete; e Xosé Manuel Pacho Blanco, docente e investigador da Área de Filosofía do Dereito, centráronse en diversos aspectos da lei de netos; mentres que Jacinto Lareo Jiménez profesor da Área de Dereito Administrativo e Presidente da Fundación Sálvora centrouse na adaptacións da Ley Orgánica del Régimen Electoral General ás persoas con discapacidade para o exercicio do sufraxio activo, mentres que a docente e investigadora Paula Martínez Molares da Área de Dereito Procesual abordou a tutela xurisdicional do dereito de sufraxio a raíz da Lei 8/2021.
O decano da FCCXXT, Pablo Grande Seara, felicitou e agradeceu, na inauguración da xornada, á Delegación de Alumnos e Alumnas a organización da xornada, “porque o estudantado da facultade está en contacto coa realidade e son conscientes das problemáticas xurídicas que se plantexan día a día”. Grande tamén trasladou o seu agradecemento ás e aos docentes que participaron na mesa redonda “desinteresadamente e dedicando unha parte da súa actividade a preparar as ponencias que nos levan a todos a reflexionar sobre estes dous eixes temáticos, que tamén precisan ser abordados, máis aló da perspectiva xornalística, desde a xurídica, que é o que aquí nos afecta”.