As tensións internacionais, os conflitos armados, os fluxos migratorios, as crises económicas ou as dinámicas de poder global inflúen directamente na produción normativa e na actuación dos poderes públicos. Conscientes desta realidade, este martes celebrarase en Vigo o V Foro Xurídico Ibero-Brasileiro, un encontro internacional que reúne arredor de 40 profesionais do ámbito académico e xurídico de España e Brasil para analizar os retos actuais do Estado de Dereito nun contexto global marcado pola xeopolítica.
O encontro arranca mañá martes ás 09.30 horas cun acto de apertura que contará coa participación da vicerreitora de Internacionalización, Maribel del Pozo Triviño, xunto con Adriana dos Santos Marmori Lima, reitora da Universidade do Estado da Bahia; Pablo Grande Seara, decano da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, centro no que ten lugar o encontro, xunto cos coordinadores do evento, os profesores Clodoaldo Silva da Anunciação, por parte da Universidade do Estado da Bahia, e Juan Antonio Hernández Corchete, profesor titular de Dereito Administrativo da Universidade de Vigo.
A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo volve converterse esta primavera en punto de encontro entre os profesionais do sector marítimo e as mozas e mozos que están a formarse para incorporarse en breve ao mundo profesional. Falamos da posta en marcha dunha nova edición, e xa van XV, do Ciclo de actividades sobre Dereito marítimo, unha iniciativa coordinada polos docentes Francisco Torres e Carmen Costas ao fío da materia sobre esta cuestión que se imparte no cuarto curso do Grao en Dereito.
Trátase de achegarlle ao alumnado a realidade profesional e os retos actuais do sector marítimo, incluíndo a actividade portuaria, o comercio internacional e as oportunidades laborais neste ámbito. Ao tempo, búscase tamén abrir esta actividade a todo o profesorado, persoal administrativo e de servizos da Universidade de Vigo, así como a calquera persoa interesada que desexe asistir - todas as charlas son gratuítas e totalmente abertas-.
O catedrático de Dereito Mercantil Julio Costas foi elixido este martes novo valedor universitario da UVigo na sesión extraordinaria do Claustro celebrada na Facultade de Comunicación do campus de Pontevedra. A candidatura do profesor da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo recibiu 66 votos a favor, catro en contra e dúas abstencións na segunda rolda de votacións desenvolvida nesta sesión, á que Costas Comesaña concorría como único candidato á Valedoría Universitaria. Xunto á súa elección, o Claustro completouse coa presentación da segunda diagnose do acoso sexual e acoso por razón de sexo na Universidade, por parte da directora da Unidade de Igualdade, Yolanda Rodríguez.
Tras esta votación, Costas toma o relevo da catedrática de Dereito Procesual Esther Pillado á fronte do órgano encargado de velar polos dereitos e liberdades da comunidade universitaria. A súa candidatura, como explicou o reitor, Manuel Reigosa, é resultado dunha “proposta de consenso” acadada polas tres persoas que anunciaron que concorrerían ás eleccións á Reitoría do mes de maio. Prodúcese despois de que non fose posible elixir un novo valedor ou valedora no Claustro celebrado no mes de decembro, no que as candidaturas presentadas por Maribel Doval e Xosé Manuel Cid non acadaron os votos esixidos no regulamento.
A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo elixiu este xoves ao profesor Pablo Grande Seara como novo decano, en substitución de Francisco José Torres Pérez, que exercía o cargo desde novembro de 2019, os últimos meses como decano en funcións, tras producirse unha primeira convocatoria de eleccións o pasado outono á que non se presentara ningunha candidatura. Finalmente, as eleccións celebráronse este xoves con Grande Seara como único candidato, sendo elixido en Xunta de Facultade por 26 votos a favor, 14 en contra, 3 votos en branco e un voto nulo.
Membro do Grupo de Dereito Procesual e cunha dilatada traxectoria en postos de xestión, Grande Seara estará acompañado na dirección da facultade polas profesoras María Antonia Arias Martínez, como vicedena de Dereito, e Belén Fernández Docampo, como vicedecana de Relacións Laborais e Recursos Humanos; xunto con Emma Rodríguez Rodríguez como vicedecana de Posgrao e Formación Continúa; Paula Martínez Molares, como vicedecana de Calidade e Acción Titorial, e Pablo Riquelme Vázquez, como secretario. “Pablo Riquelme, Antonia Arias e Belén Fernández, xa formaban parte do actual equipo decanal, ocupando os mesmos cargos, polo que xa teñen unha ampla experiencia”, explicou o xa novo decano.
- Ciencias Xurídicas e do Traballo reforza o compromiso do seu alumnado coa inclusión laboral real e efectiva
- Mª Emilia Casas clausura en Vigo a oitava edición do Curso de Negociación Colectiva
- Preséntase no campus unha monografía detallada do contrato fixo descontinuo, a “estrela” da reforma laboral de 2021
- O alumnado de Ciencias Xurídicas e do Traballo une as súas voces contra o acoso escolar e en memoria de Sandra Peña