Algo máis de medio cento de xuristas hispano-brasileiros están a participar esta semana na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo no III Foro Xurídico Brasileiro, unha cita que se consolida e que nesta ocasión trae ao campus o debate arredor do impacto que a Intelixencia Artificial (IA) ten no Dereito. Chegados de diferentes universidades de Brasil, Portugal e da propia Universidade de Vigo o encontro conta cun extenso programa no que se afonda en temáticas tan variadas como variados son os impactos da IA no Dereito.
Protección de datos e desafíos do poder xudicial, novos retos para o dereito electoral, consecuencias para a liberdade de expresión e pensamento, propiedade industrial no mundo virtual ou novas perspectivas para o mundo do traballo son algún dos temas que se trataron ao longo deste luns e martes.
“Con este encontro queremos crear un espazo multidisciplinar no ámbito xurídico para o intercambio das investigacións e experiencias profesionais relacionadas cos avances tecnolóxicos da sociedade da información e coa protección dos dereitos fundamentais”, explica a profesora María Hylma Alcaraz, xunto a Juan Antonio Hernández Corchete, Noemí Gestoso e María José Bravo Bosch, os catro docentes responsables na UVigo do comité organizador, equipo do que tamén forman parte outros tantos investigadores brasileiros pertencentes á Universidade Estadual de Santa Cruz, Universidade Federal de Bahía, Universidade do Estado de Bahía ou a Orde dos Avogados de Brasil.
Por que o universo dos activos dixitais semella un mundo masculino? Por que a maioría de ‘influencers’ do mundo cripto que saen á palestra son homes? Está equilibrada a proporción entre homes e mulleres nos consellos de administración das empresas? Estas son algunhas das preguntas ás que se deu resposta este luns na VI Xornada de igualdade de xénero e Dereito Mercantil, actividade dirixida desde a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo polas docentes Sara Louredo e Ana Mª Aido e para a que, nesta ocasión, se contou coa participación de dúas profesoras expertas en Dereito Mercantil que levan anos traballando intensamente estas cuestións: Vanessa Jiménez, da Universidad de Salamanca, e Josefina Boquera, da Universidad de Valencia.
A xornada, que se levou a cabo nunha das aulas Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, arrancou coa intervención da profesora Vanessa Jiménez, quen puxo sobre a mesa dúas ideas clave: dunha banda, a necesidade dunha maior educación financeira sobre todos os temas relacionados cos criptoactivos e os mundos virtuais e, da outra, que a fenda de xénero que semella existir nestas cuestións cada vez dilúese máis e, “se todo segue así”, seguirá a esvaecerse cada vez máis, debido, sobre todo, á entrada de persoas que teñan coñecementos económicos, tecnolóxicos e xurídicos neste tipo de materias.
Vigo acollerá no mes de marzo o Congreso do Consello Nacional de Estudantes de Dereito, e farao da man da Delegación de Alumnado da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo, que se está encargando da organización do evento, que se desenvolverá entre os días 13 e 16 de marzo. Este martes Sandra Martínez e Carla Fernández, presidenta e secretaria respectivamente da delegación, reuníronse co deputado delegado de Xuventude, Jorge Cubela, no Pazo Provincial para afondar en posibles liñas de colaboración de cara á organización do evento.
Conede é unha asociación de estudantes que reúne a representantes de alumnos da titulación de Dereito de máis de 75 universidades españolas, sendo a única a nivel nacional presente en todas as negociacións que afectan ao alumnado deste Grao universitario. Como explica Sandra Martínez, a asociación impulsa dúas veces ao ano un congreso cuxa organización corre a cargo das delegacións de alumnado das facultades de Dereito de toda España, e que adoitan celebrarse nos meses de outubro e marzo. Na anterior edición, a número 25, celebrada en Huelva, a representación viguesa presentou a súa candidatura para organizar o congreso desta primavera e foi elixida por maioría. Agora están a traballar arreo para ir pechando tanto o programa, como as entidades patrocinadoras, socios colaboradores, etc.
Analizar a problemática á que se enfronta o sistema de xustiza en materia de familia e sucesións ante a transformación tecnolóxica e dixital. Esté o principal obxectivo co que este xoves arrancou en Vigo o II Congreso Ibérico de Dereito de Familia e Sucesións: retos substantivos e procesuais anta unha nova realidade tecnolóxica, unha cita que reúne na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo a 65 participantes, entre os que figuran avogados e avogadas en exercicio, o alumnado do Programa de doutoramento Xestión e Resolución de conflitos, familia, menores e xustiza terapéutica, e persoal investigador de diferentes universidades españolas, portuguesas e latinoamericanas.
“Imos abordar o impacto desta nova realidade tecnolóxica nos procesos de familia, a dixitalización dos procesos e a posibilidade de facer uso da intelixencia artificial, analizando tamén a súa repercusión en materia de sucesións e todo o debate existente en relación coa familia e a protección hereditaria dixital”, explicou a catedrática da Universidade de Vigo Esther Pillado, codirectora do congreso, xunto coa tamén catedrática de Dereito Procesual, neste caso da Universidad Nacional de Educación a Distancia, UNED, Sonia Calaza. Pillado foi a encargada de inaugurar o encontro, xunto co decano da facultade, Francisco Torres, quen lle agradeceu á organización a elección desta facultade como sede do congreso.
A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo acolle este luns e martes a cuarta edición do Congreso Internacional Carlos Fernández-Nóvoa, organizado en memoria do mestre fundador da Escola de Dereito Industrial de Galicia, e que nestas catro edicións se ten convertido en foro de referencia nacional das académicas e académicos que se dedican en España á propiedade industrial e da competencia. Nesta ocasión, desenvólvese baixo o lema ‘novas tendencias’, novidades que veñen da man da nova economía e da Intelixencia Artificial con todos os retos que isto trae consigo no que se refire aos dereitos de autor, competencia desleal, propiedade intelectual…
A apertura do encontro contou coa participación do director xeral de Xustiza da Xunta de Galicia, José Tronchoni, quen remarcou a idea de que este evento se esta a consolidar como principal encontro nacional dedicado ao Dereito da competencia, “un tema non menor se temos en conta todas as novidades que traen consigo as novas tecnoloxías”. Xunto a el, participaron na inauguración, o decano da facultade, Francisco Torres, e, en nome da familia do homenaxeado, o seu sobriño Luis Fernández-Nóvoa, socio director da oficina de Hoying Rokh Monegier en Madrid, un dos despachos de avogados que patrocinan este evento; e os catedráticos Anxo Tato e Julio Costas, directores do congreso. “Estamos nun evento de primeiro nivel no ámbito da propiedade industrial”, explicou o decano, Francisco Torres, docente da Área de Dereito Mercantil, organizadora da xuntanza. Pola súa banda, as primeiras palabras de Anxo Tato foron en memoria de Carlos Fernández-Nóvoa, “por todo o que nos deu e pola súa enorme xenerosidade no seu maxisterio”, e na mesma liña se pronunciou o representante da familia, quen agradeceu a organización dun evento “que honra a memoria do meu tío”.
Segundo o Índice Europeo de Economía e Sociedade Dixitais, DESI, España pasou nos últimos cinco anos de estar no posto 10 de Unión Europea ao número 7 e, de acordo coas estatísticas robóticas, España é o país número 14 do mundo e 4 na UE en número de robots implantados na súa economía. “Somos, aínda que non o parezamos, unha potencia robótica sobre todo na industria automobilística”. Así o explicaba María Luz Rodríguez Rodríguez, catedrática de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade de Castilla La Mancha, na apertura da segunda xornada do congreso O impacto da intelixencia artificial no Dereito do Traballo e da Propiedade Intelectual e Industrial, organizado polo grupo de investigación DMT da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. Este contexto de cambio fai necesaria e urxente unha reflexión sobre o impacto que esta revolución dixital ten, e terá cada vez máis, tanto no eido das relacións laborais como no da propiedade intelectual e industrial. Estes son os dous aspectos que se analizan neste simposio que reúne estes días en Vigo a 40 especialistas, sobre todo de España e Italia, coordinado polos profesores do Departamento de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da UVigo Rosa Rodríguez Martín-Retortillo e Pablo Fernández Carballo-Calero.
O congreso arrancou na tarde de onte xoves no edificio de sesións da Autoridade Portuaria de Vigo, centrándose principalmente no eido da propiedade intelectual e industrial, prestando especial atención aos problemas de autoría e patentabilidade das obras realizadas por IA. A xornada deste venres trasladouse ao edificio Redeiras, sede institucional da UVigo na cidade, e puxo o foco no eido do Dereito do Traballo, con ponencias sobre a utilización de IA para a xestión de recursos humanos e abordando, en particular, os riscos que implica o uso de algoritmos e os nesgos discriminatorios que poden conter na súa configuración.
O reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa, e a presidenta do Consello Galego de Relacións Laborais, Antía Sández, asinaron esta mañá no edificio Exeria do campus de Vigo un convenio de colaboración que permitirá a posta en marcha dunha nova edición, a sexta, do Curso de formación universitaria en negociación colectiva e individual no ámbito laboral, para o que xa está aberto o prazo de preinscrición e que, nesta ocasión, se levará a cabo do 28 de setembro ata o 23 de novembro na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo.
Dirixido polos docentes Jaime Cabeza Pereiro e Rosa Rodríguez Martín-Retortillo, quen aproveitaron este acto para agradecer o “apoio e implicación que sempre ten o Consello Galego de Relacións Laborais nesta iniciativa”, o curso busca afondar, desde un punto de vista xurídico, estratéxico, psicoanalítico e práctico, no sistema de negociación colectiva e as súas manifestacións, a través dun tratamento integral dos seus aspectos fundamentais. “Ofrece unha formación especializada en negociación colectiva que proporcione aos seus destinatarios as ferramentas necesarias para poder afrontar os conflitos individuais e colectivos no ámbito laboral coas ferramentas axeitadas”, explican os directores, ao tempo que resaltan o feito de que a negociación colectiva conforma na actualidade, “unha das materias máis necesarias de desenvolver, dada a conflitividade laboral froito da situación de crise”.
Dous días para debater sobre os principais desafíos xurídicos que supón a Intelixencia Artificial (IA) para a contratación pública na Unión Europea. Nisto consiste, a grandes trazos, a reunión anual do European Procurement Law Group, o grupo europeo de especialistas en contratación pública, xuntanza que nesta ocasión se celebra este xoves e venres na Universidade de Vigo co patrocinio da Axencia Galega de Innovación -GAIN-, baixo a coordinación da vicerreitora de Profesorado e Ordenación Académica, Patricia Valcárcel, catedrática de Dereito Administrativo experta en normativa sobre contratación pública e implicacións da IA no Dereito público.
O encontro, que se está a levar a cabo no edificio Redeiras, conta coa participación de especialistas en contratación pública de diversos Estados membros da UE (Alemaña, Austria, Dinamarca, España, Finlandia, Francia, Holanda, Italia, Polonia, Portugal e Romanía) e do Reino Unido, e a temática central está ligada á execución do proxecto de investigación Desafíos estratéxicos da contratación pública na era da 4ª revolución industrial: sostenibilidade, gobernanza e intelixencia artificial, financiado polo Ministerio de Ciencia e Innovación, e que está coordinado por Patricia Valcárcel, da UVigo, e Christoph Krönke, da Universität Bayreuth, en Alemaña.
Catro traballos realizados por estudantes das universidades de Vigo e Santiago de Compostela acaban de facerse coa II edición do Premio de investigación xurídica en lingua galega Xosé Luis Franco. Así se deu a coñecer este xoves na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo nunha xornada organizada en homenaxe a Francisco Fernández del Riego con motivo da celebración das Letras Galegas 2023.
Dirixido a fomentar o emprego da lingua nos traballos de investigación xurídica entre o estudantado de grao e mestrado, o premio está dotado con 400 euros para cada un dos traballos galardoados, así como cun diploma acreditativo. Nesta segunda edición o xurado, presidido polo decano do centro Francisco Torres, destacou o “gran nivel” de todos os traballos presentados, así como a súa calidade e corrección lingüística, metodoloxía e rigor técnico empregado.