Especialistas de Galicia e Portugal analizan os retos do sistema de xustiza en materia de familia e sucesións

DUVI  22/11/2024

Medio cento de especialistas de Galicia e Portugal déronse cita estes dias na Universidade de Vigo no marco do Congreso internacional Retos del Derecho de Familia ante una sociedad más inclusiva, un evento organizado por docentes da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo.

O simposio, que se desenvolveu no edificio Redeiras entre este xoves e venres, tiña como finalidade analizar a situación á que se enfronta o sistema de xustiza en materia de familia e sucesións ante unha sociedade máis inclusiva. Entre os arredor de 50 participantes houbo avogados e avogadas en exercicio, persoal investigador de diferentes universidades de Galicia e Portugal e alumnado do Programa de doutoramento en Xestión e Resolución de conflitos, familia, menores e xustiza terapéutica.

O simposio comezou onte xoves cun acto de apertura no que participaron Esther Pillado, catedrática de Dereito Penal e Tomás Farto, profesor de Dereito Procesual da UVigo, directora e secretario respectivamente do congreso. Ao longo das dúas xornadas, con relatorios e mesas redondas, abordáronse os retos do Dereito de Familia ante unha nova realidade social, poñendo o foco, como explica Tomás Farto, “na vulnerabilidade dos menores nas redes sociais e contornas dixitais, na protección dos menores de idade en situación de desamparo, analizando tamén cuestións actuais relativas aos procesos de familia e para a adopción de medidas de apoio ás persoas con discapacidade ou en materia de sucesións”.

O congreso abriuse cunha mesa redonda na que se expuxeron propostas de mellora en materia de presunción de paternidade. Nela interviñeron Ana Rodríguez Álvarez e Almudena Valiño, profesoras de Dereito Procesual da Universidade de Santiago de Compostela, acompañadas por Ángel Mariño de Andrés, docente da UVigo, como moderador.

A programación da mañá  do xoves completouse con outra mesa sobre vulnerabilidade e menores, coa intervención de Rossana Martingo Cruz, profesora da Universidade do Minho, que puxo o foco nas redes sociais; Maria De Lurdes Varregoso Silva Da Costa Mesquita, da Universidade Portucalense, que falou sobre a orde procesual portuguesa; e Isabel Espín, catedrática de Dereito Civil na USC, que se centrou na protección das persoas menores de idade nas contornas dixitais, prestando especial atención ao shareting, é dicir, o uso das redes sociais por parte dos proxenitores para compartir fotos o vídeos dos fillos e fillas.

Xa pola tarde outra mesa redonda serviu para abordar a protección de menores en España e Portugal, coa participación de Cristina Días, da Universidade do Minho, que falou sobre a figura do apadriñamento civil, mentres que Guillermo Iruegas, avogado, abordou o acollemento de dereito e adopción de feito. Finalmente, Inmaculada García Presas, da Universidade de A Coruña, afondou na situación de desamparo dos menores de idade e nas figuras de acollemento e adopción. Presentou a mesa Esther Pillado, catedrática de Dereito Procesual da UVigo e organizadora do congreso.

Esta primeira xornada pechouse coa presentación de comunicacións, nunha sesión moderada por Pablo Grande, profesor da UVigo.

Link a nova no DUVI