“Aproximar aos estudantes á realidade da discapacidade, visibilizala, e que saiban que desde o Dereito se poden conseguir avances na integración dun colectivo que, por exemplo, segundo a Lei 3/2023, de Emprego, é de atención prioritaria nas políticas de emprego”. Así describe a profesora Rosa Rodríguez Martín-Retortillo, o obxectivo da Xornada sobre Integración Laboral das Persoas con Discapacidade celebrada este martes na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo e á que asistiron representantes de distintas institucións, tanto do ámbito académico como empresarial, e un amplo número de alumnas e alumnos dos graos en Dereito e en Relacións Laborais e Recursos Humanos.
Organizada pola Aula de Formación Legal da facultade, dirixida pola profesora Rodríguez Martín-Retortillo, a xornada achegou ás persoas asistentes á realidade da integración laboral das persoas con discapacidade, non só desde o punto de vista xurídico, senón tamén social. “Nesta aula buscamos tratar e debater temas de actualidade, ou necesitados de reflexión, cun enfoque xurídico pero tamén social”, explicou a docente na inauguración, intre no que estivo acompañada polo decano, o profesor Francisco Torres, quen destacou a importancia de organizar actividades de carácter multidisciplinar “que toquen varias materias e nas que saian contidos máis aló dos estritamente xurídicos que se abordan nas nosas aulas”.
Nesta liña, o decano aproveitou a súa presenza na xornada para gabar o “enorme labor” que desde a Área de Dereito de Traballo e da Seguridade Social, á que pertence á profesora Rodríguez Martín-Retortillo, “por estar á vangarda da investigación e da docencia e, sobre todo, por ter iso que agora se bota tanto en falta que é a conciencia social”.