A Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo organizou para mañá martes, 10 de maio, un Foro de Orientación Laboral específico sobre o sector marítimo e portuario. Trátase dunha actividade aberta ao público en xeral, na non se precisa inscrición previa, e que servirá como peche do XI Ciclo de actividades de Dereito Marítimo, unha actividade xa clásica neste centro e coa que se trata de aproximar ás persoas asistentes á operativa das empresas do sector marítimo e portuario e aos principais problemas xurídicos derivados desta actividade.
Moderado polos profesores da Área de Dereito Mercantil Carmen Costas e Francisco Torres, actual decano da facultade, o foro contará coa participación de diferentes profesionais que achegarán, cada un desde a súa propia perspectiva, os aspectos básicos que caracterizan a día de hoxe o traballo no sector marítimo e portuario. Participarán Annina Burgin, xerente da Fundación Marinnleg, centro de innovación de estudos xurídicos marítimos e pesqueiros; Javier Castro, director de Incargo Galicia, empresa líder en loxística e transporte global, e de Atlantic Vigo Cruise Terminal; Eva Ortiz, directora xerente de Eimskip, empresa líder no sector do transporte marítimo de contedores e refrixerados con conexións en mercados internacionais; Antonio Quirós, socio de Avante Legal, despacho de avogados especializado en dereito marítimo e dereito do transporte, entre outras temáticas; Elena Rodríguez de Robles, directora de Xente e Talento de Kaleido Logistic, e Antonio Viñal, socio director do despacho de avogados Avco Legal.