Medio cento de xuristas hispano-brasileiros debaten no campus os impactos da Intelixencia Artificial no Dereito

Algo máis de medio cento de xuristas hispano-brasileiros están a participar esta semana na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo no III Foro Xurídico Brasileiro, unha cita que se consolida e que nesta ocasión trae ao campus o debate arredor do impacto que a Intelixencia Artificial ten no Dereito. Chegados de diferentes universidades de Brasil, Portugal e da propia Universidade de Vigo o encontro conta cun extenso programa no que se afonda en temáticas tan variadas como variados son os impactos da IA no Dereito.

Protección de datos e desafíos do poder xudicial, novos retos para o dereito electoral, consecuencias para  a liberdade de expresión e pensamento, propiedade industrial no mundo virtual ou novas perspectivas para o mundo do traballo son algún dos temas que se trataron ao longo deste luns e martes.

“Con este encontro queremos crear un espazo multidisciplinar no ámbito xurídico para o intercambio das investigacións e experiencias profesionais relacionadas cos avances tecnolóxicos da sociedade da información e coa protección dos dereitos fundamentais”, explica a profesora María Hylma Alcaraz, xunto a Juan Antonio Hernández Corchete, Noemí Gestoso e María José Bravo Bosch, os catro docentes responsables na UVigo do comité organizador, equipo do que tamén forman parte outros tantos investigadores brasileiros pertencentes á Universidade Estadual de Santa Cruz, Universidade Federal de Bahía, Universidade do Estado de Bahía ou a Orde dos Avogados de Brasil.

Ler a nova completa no DUVI