A sentenza do caso da ‘Manada’ da Audiencia Provincial de Navarra fixo que rúas e prazas de todo o Estado se enchesen de persoas amosando a súa disconformidade coa decisión xudicial que condenaba aos cinco acusados a nove anos de cárcere por un delito de abuso sexual. Así o lembraba a catedrática de Dereito Penal da Universidad de Cádiz, María Acale, no comezo do relatorio que este xoves ofreceu na Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. Non obstante, como ela mesma puntualizaba, esas manifestacións non demandaban un incremento das penas, nin rexistros de delincuentes sexuais, senón que discutían a cualificación xurídica dos feitos que tiveron lugar en Pamplona nos San Fermíns de 2017 e que socialmente son cualificados como violación.
A consecuencia deste movemento social xurdiron tres iniciativas lexislativas: a Proposición de Ley de Protección Integral de la Libertad sexual y para la erradicación de las violencias sexistas; a Ley Orgánica 5/2018 de Reforma de la LO 6/1985, del Poder Judicial sobre medidas urgentes en aplicación del Pacto de Estado en Materia de Violencia de Género e, finalmente, o Anteproyecto de Ley Orgánica de modificación del Código Penal para la protección de la libertad sexual de las ciudadanas y los ciudadanos. Na elaboración da primeira delas, impulsada por Unidos Podemos, participou a propia catedrática Acale, que explicou que os dous proxectos están agora mesmo paralizados á espera da constitución do próximo Parlamento tras as eleccións. Na súa intervención analizou as propostas destes textos e así como a polémica sentenza tratando de determinar se o actual Código Penal é quen de ofrecer ás vítimas de violencia sexual unha resposta que sexa menos revitimizante e evite así que a sexa criminalizada sexa muller agredida e “todas as mulleres que van soas, que saen pola noite e, en definitiva, as que no uso da súa liberdade ocupan uns espazos que moitos homes cren que son persoais”.